20070830

Lembranza de cando eramos pequenos


Os cativos pequenos teñen en xeral unha certa fixación por medrar, mentras que os maiores soen mirar ós pequenos cunha certa morriña de tempos marabillosos perdidos. Non ocorre sempre así, pero si a grande maioría dos casos.
Parece que Ribadeo superouo por primeira vez os 10000 habitantes, o que implica un cambio de categoría municipal, algo así como unha 'maioría de idade' do municipio, que implicaría, por exemplo, 17 concellais en troques dos 13 actuais (contando sempre co alcalde).
O alcalde parece que ten unha opinión positiva do feito: un municipio máis diverso, plural e máis rico culturalmente. E é certo que pode ser así, pero non necesariamente. Por eso é convinte seguir o fio das declaracións: "tamén nos obriga a incrementar os servizos e aumentar a atención ós veciños. Desexo que este medre vaia aparellado coa ampliación de espazos verdes, residencias, etcétera. Neso temos que traballar todos os grupos, escomenzando polo prioritario, que é a aprobación dun novo plan xeral que nos permita medrar de xeito ordeado."
As interpretacións hai que collelas con coidado. Casan perfectamente cun concepto desarrollista, pero tamén pode ser compatible coa mellora da vida na vila (aínda que o certo é que encaixa menos).
Sexa como sexa, o certo é que o municipio é máis plural: 275 de fora de España, 120 de Brasil, 60 de Portugal, 34 de Colombia, 23 de Rumanía, 21 da República Dominicana, 14 de Lituania, 12 do Uruguai e máis doutros países. E aquí chega a primeira reflexión, cando vexo que se lles trata de extranxeiros (eu puxen o lugar de procedencia, non a nacionalidade, que é diferente...). Din que na realidade hai máis xente de fóra. Pero non se ve (ó mellor hai a vontade) un plan para integración ou convivencia, unha idea de como se vai a convivivir entre xente con esas diferencias culturais que hai que aproveitar para medrar como persoas en troques de para empobrecerse mutuamente como tales.
Entre as persoas de aluvión, hainas de moi diferente condición: eu mesmo non nacín en Ribadeo (como lembrou o anterior alcalde hai non tanto tempo e foi respondido no blog) ainda que leve xa case a metade da miña vida aquí, e sei que haberá xente que non me considere nunca de aquí, sendo eu mesmo galego. Por eso coido que esa diversidade merece un tratamento, ó tempo que o necesita.
O billete de tren, de ida e volta, pode ser un símbolo. Neste caso, é de Ribadeo a Ribadeo: volta para a casa cambiado despois de pasar pola praia, máis moreno, máis ledo, con máis ansia de vivir, diferente.

Ningún comentario: