A vida está chea de pequenas cousas. Ás veces, esas pequenas cousas convírtense en novas do xornal por casualidade, por ocorrer en momentos nos que non hai moita nova 'importante', por exemplo, e convírtense por arte de maxia tamén elas en importantes para un círculo máis extenso do que tiñan existencia nun principio. Hoxe parece ser un día deses, no que cousas que normalmente son consideradas sen moito valor informativo saen ás páxinas dos xornais:
Resulta que os pelegrins teñen que cruzar a ría de Ribadeo en barca. É evidente, estando a ponte cortada. Pero... non o teño visto ata hoxe na prensa. E queda a dúbida de se ó final poderán pasar peóns e bicis pola ponte (dixéronme que viran os planos e que si, que poderán, pero o caso é que eu aínda non logrei velos). O dos 4€ por cruzar que di a pelegrina non deixa de ser unha 'anécdota', pero non así a cochambre que denuncia do camiño en Asturias.
'Los jóvenes de A Mariña sin opción a aburrirse' é o título doutro artigo. E sorrío ó leelo. con mirar un pouco arredor nas rúas chega para facer a comprobación de todo o contrario. Que a oferta alternativa é grande, por suposto. Que se aburren, un feito. E é que o aburrimento non depende só da oferta, é máis ben algo máis vital, interno. E coido que no tema teño algo de experiencia.
As obras do faro, recomezadas, non permiten o acceso a varias vivendas, e, mentras, parece que o concello pide disculpas ós peóns, pero non ós veciños. Non pasei por alí para telo de primeira man, pero a postura de pedir disculpas a usuarios eventuais e non ós fixos é unha tradición que se debera descartar, e que está abondo arraigada en Ribadeo como se pode comprobar en diversos temas.
Este ano non hai celebración de cabodano da Ponte dos Santos. O motivo, as obras. É de supoñer que o próximo ano seguirá a haber celebración, pero queda no aire xa o por que. A festa pola festa? Hai anos, ó instituírse, coido que tiña outro senso, pero co tempo quedou máis ben o de festa por festa, e como se pode ver se se bota conta das actividades desta tempada, xa hai festas e celebracións abondo. Polo tanto, subsistirá?
Subsistirá tamén o espazo do Cantón dos Moreno como espazo público? Antes xogaban aí os cativos. Agora, non: non poden. Pouco a pouco foi sendo usado para actividades esporádicas e aumentando a súa cota as mesas. Hoxe, máis da metade do espazo está ocupado por elas. Podo dar fe de que se está ben alí: tamén as uso. Pero paréceme unha privatización encoberta, do estilo doutras que levo denunciado varias veces.
O noitebús segue a gañar usuarios. Subvención e loxística da Xunta. Mentres, o que fan eses usuarios nos destinos parece non importar, non ter relación, non haber mirado ninguén se eses usuarios en realidade evitan o coche ou son usuarios de máis que se non tiveran ese servizo non irían á movida, constituíndo unha subvención encoberta, ...
E poderiamos seguir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario