20070801

Sobre unha charla de arquitectura e urbanismo en Ribadeo

Onte, nas 'Xornadas de historia local', foi a quenda de falar sobre Ribadeo, historia, urbanismo e arquitectura. O poñente foi Ernesto Cruzado Estévez e aledeime de ter ido. Non dixo moitas cousas novas (no sentido de que non as tivera escoitado antes), pero enfiou, categorizou, relacionou e 'puxo en valor' (segundo termos que se usan agora) o que máis ou menos sabía. Escoitar falar de murallas dende o núcleo histórico ata as que hoxe forman autovía e circunvalación, ou de eixes, dende as baixadas/subidas a Porcillán e Cabanela ata San Roque-Xardín, transversal, nova, ... da unha imaxe dinámica do urbanismo que é necesaria hoxe en día para ter as cousas claras fronte ó plan que ven.
Faltaron cousas? Supoño que si. Non se meteu en xaleos actuais, por exemplo, pero tiña unha boa coartada sendo a charla no marco das xornadas de historia local. E nunha hora, con fotos abundantes e ben fiadas (máis de 100) non da para moito máis, aínda que o público coido que tería aguantado varias veces ese tempo se llo pediran.

Ningún comentario: