20070926
100 días, tres colchóns e un tiburón
100 non é un número máxico nin nada diso. Só, na simboloxía empregada no sistema decimal, un número redondo. Número que por esa redondez se emprega por referencia para a deferencia de deixar gobernar ós novos gobernos sen molestar demasiado, para ver que son capaces de facer. Pois ese número de días xa pasou para o novo goberno ribadense. Significaría mais ou menos, que a potesta xa está aberta, como sinalei onte. Máis que para os partidos, para o pobo que pode estar impaciente por certas cousas sen facer, posturas municipais que non se entendan, inacción, etc.
A foto de hoxe non é unha decoración. Son tres colchóns que onte se atopaban no medio da beirarúa ó paso dos estudantes pouco antes da zona escolar. Eran unha diversión para eles, e un mal exemplo que potencia outras actitudes menos condescendentes e cívicas. Varios centenares de xente nova os esquivou, saltou ou viu sinxelamente como alguén lles daba exemplo de algo que se fai, aínda que non se deba facer. Estarán hoxe?
E un tabeirón. O que onte se meteu na ría de Foz. Non é perigoso: é dos que non se adica a dar dentelladas, senón a engulir plancto, pero indica outro cambio máis atribuíble ó cambio climático: dos trópicos, o seu quentiño hábitat natural 'normal', á fría ría de Foz.
Como incontables, poderiamos nomear outras propostas, neste caso, do PP, instando á recuperación do xulgado en Ribadeo ou a potenciación do tren, vía alta velocidade costeira ou ferrocarril a Lugo (vamos, que en Ribadeo quedámonos o século pasado sen ferrocarril a Ponferrada e agora danse a tirar por outra beira máis achegada ... proposta como se ve, realizable só polo PP, e soíño). De xeito parello, pero máis real, por outra beira veñen os recortes ó desgranar os orzamentos xerais do estado, e vese que A Mariña queda algo descalabrada, ó seu abeiro, cando é tan doado vivir de subvencións e cousas polo estilo. Mentras, aí está máis dun millón de euros para dividir un centro educativo que coido que non o necesitaba (e que estaba mellor sen dividir) e unha instalación de bombeiros comarcal sen funcionar por falta de acordo de institucións máis achegadas que o Estado.
Etiquetas:
Fotos Ribadeo,
Medio,
política,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
1 comentario:
... Hoxe xa non estaban: onte foi a recollida de enseres. O que non quita que se deberan de deixar dispostos doutro xeito: á beira de onde estaban non hai edificios.
Publicar un comentario