20070906

Mirando para atras ou aprendendo do pasado?

Estamos afeitos moitas veces a non mirar atrás, o pasado, pasado. Pero o voltar a vista atrás, sabendo eso, que o pasado está pasado, pode dar unha fonte de aprendizaxe excelente, ó igual que cando se di eso de coñecer a historia para tentar non repetila (a parte mala). 

Neste caso, trátase de pasado próximo: hai uns días poñia nun artigo o horario da biblioteca de Burela en referencia ó reducido da de Ribadeo. Hai menos días aínda foi reclamada unha ampliación de horario no acto do cincuentenario da 'Viejo Pancho', que reduce o seu horario e aínda solía pechar neste mes a pesares do aumento do sue uso como sala de estudio polo de setembro. O caso é que non vexo previsión dese aumento horario, así como tampouco vin movemento ningún á hora de protestar polo canon de biblioteca (ver barra lateral) que temos que pagar todos, vaiamos ou non alí, e ó meu parecer, imposto dun xeito inxustificado. A repasar tamén o caso do parque contraincendios de Barreiros: servicio para todos, leva anos construído e non funciona por pelexas políticas. Houbo protestas antes do verán, pero no verán, todos caladiños, que pode asustar o turismo. Sobre retrasos, en Ribadeo sabemos de máis: o polígono industrial, que ía estar en marcha o ano pasado segundo o alcalde pasado segundo declaracións feitas á prensa, aínda non vai desta porque hai que pagar un transformador para polígono e pobo (aínda sen polígono o que hai xa é pequeno) e a empresa (Begasa) di que ela non o fai. Búscate a vida, Ribadeo! 

Lendo o libro (que lle deron en chamar revista) da biblioteca, entérome das vicisitudes que leva pasado no século XX. E, ó tempo que lembro tanto o lugar nos baixos do cantón, sigo a pensar na promoción da lectura mentras vexo o funcionamento das atraccións nas festas e o comportamento da xente nova. Por certo, boto de menos no libriño unha semblanza dos bibliotecarios anteriores a Mª Jesús Rañón Ríos: Pilar Reimundez, Leonardo Fernández Reinante (que na realidade parece ser que non era bibliotecario, aínda que facía algunhas labores do estilo), etc.

Os comerciantes non están contentos con este verán. Dentro da campaña de aparicións en prensa do CCA, toca a de fin de verán facendo ese comentario e o de que hai unha decea de establecementos que queren logra o distintivo de calidade. O certo é que o comercio ribadense está cambiando e o CCA/ACISA ten abondo que ver, e non só na aparición na prensa. Pero, o de calidade, quedarase na obtención dun certificado? É un perigo que vin hai tempo a conta doutro certificado de calidade: unha cousa é ter papeis que documenten todo e outra o que o cidadán de a pé soe entender como calidade, e non sempre van parellos. Diría que o periódico insistía na primeira faceta e cumprimento normativo máis que na segunda de ter contento ó cliente. 

O Porta da Auga (o CIFP, non o IES, que xa non son o mesmo por decreto) mantén as xornadas de automoción, e antonte revisaron o sistema educativo (de FP) alemán, que leva funcionando moitos anos, mentras aquí cambiamos e cambiamos de plans de estudos, sen chegar a centrarnos en ningún. Pode que sexa esa falta de centrado unha das causantes de rendemento educativo. De feito, estou convencido de que ten algo que ver. En fin, son varias as novas comentadas, ningunha de hoxe, e todas entendo que pasaron no seu momento sen moita atención. Non embargantes, en xeral, requírena porque son as pequenas cousas as que constitúen a base vital, tanto das persoas como dos pobos.

Ningún comentario: