Aproveito unha nota de prensa recibida para ser publicada onte como primeira de hoxe...
'A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo inicia mañá o curso con máis de 330 alumnos e alumnas matriculados
A cifra supón un incremento de 75 matrículas con respeito ao ano anterior
Ribadeo, 21 de setembro de 2007. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo dará comezo mañá de xeito oficial ao curso académico 2007 – 2008 con máis de 330 alumnos e alumnas matriculados, unha cifra que supón un incremento de arredor de 75 matrículas con respeito ao curso anterior.
Entre as especialidades máis demandadas están a asignatura de ballet, cun aumento no número de matrículas do cento por cento con respeito ao curso 2006 – 07, os instrumentos de vento, así como a formación de adultos.
O director do centro, Lourenço Cruz, mostrouse moi ilusionado de cara o novo ano académico e sinalou que “agora toca traballar para demostrar a toda esta xente que confía en nós que na EMMeD de Ribadeo podemos ofrecer un ensino de calidade cuns resultados excepcionais na formación musical dos nosos alumnos e alumnas”.
En canto á liña a seguir de cara este curso, Lourenço Cruz destacou que “nun principio a base de traballo vai ser a mesma do ano pasado, tratando de reforzar e estabilizar as formacións do centro aínda que xa hai proxectos confirmados que irán xurdindo a medida que avance o curso”. Cruz referiuse a novas colaboracións con outros centros educativos do país, unha delas xa apalabrada, cun centro de Baiona co que se levará a cabo un intercambio a través da banda infantil do centro. Lourenço Cruz tamén anticipou que os concertos didácticos comezarán xa dende os primeiros meses de curso así como as actuacións polas parroquias, unha iniciativa que aposta por manter “pois achegan o noso traballo á xente que ao mellor non ten tan sinxelo o vir á vila ver os nosos concertos”.
Outra das liñas de traballo van ser os cursos e os seminarios formativos, tanto para alumnos e alumnas como para os docentes do centro. “Xa hai confirmados curso de vento-metal grave e de corda que se impartiran en breve”, sinalou Cruz.
Con respeito ás agrupacións mantéñense a banda infantil, a orquestra clásica, os ensembles de metal, saxo, clarinete, guitarras, percusión e piano, o grupo da aula de música moderna, a big band e existe a posibilidade de que ao longo do curso xurda un grupo de música folque, todo elo co obxectivo, segundo Lourenço Cruz, de que “as agrupacións teñan entidade propia”.
Ás asignaturas clásicas da Escola este ano engádesenlle dúas novas especialidades que xa tiveron ampla demanda dende a súa posta en marcha, canto e acordeón. Outra das novidades deste ano é o número de profesores que aumenta de dez a dezaseis conformando deste xeito un claustro que o propio Lourenço Cruz definiu como “amplo e moi ben preparado a nivel pedagóxico”.'
Ningún comentario:
Publicar un comentario