20071013

Chequeo á 'Comarca'




Hoxe esperaba que saíra na Comarca un artigo meu (que reproduzo abaixo) contestación á carta de A.S. da semana pasada (despois reproducida na Mariña/ El Progreso co nome de Ana Soto, de xeito que o que enviei xa non estaría de todo correcto a día de hoxe). O caso é que Pancho Campos, Presidente de O Tesón, contestou (adxuntarei a contestación noutro post, espero) e tamén J. M. Rodríguez (en A Mariña/O Progreso, que non teño localizado; non confundir con José Mª Rodríguez do blog 'Vida político social', quen tamén publica 'Puede que no sea legal, pero es ético'. Perdón: 'Puede que sea legal, pero no es ético'). Vamos, para ler (non comparto todo o que din), acompañado do último artigo da serie sobre o nome da ría de Evaristo Lombardero.
As fotos, correspondentes dous a un vello post, ilustran o que quedou da grúa das catro calles (polo momento, esperemos que a fonte siga así por pouco tempo), tanto a fonte desmontada para facer a instalación como o rastro no chan xa case imperceptible da caída de parte da pluma (dúas liñas paralelas no chan, brancas, no centro da foto), e a terceira a outro post que daba nova dunha aparente nimiedade: un cartel caído dende hai días na rúa peonil, que no seu momento deu nova da próxima construcción nese solar dun edificio (evidentemente, tampouco debera estar así o cieerre da finca).
--

Simpatía e comprensión

Leín con simpatía e comprensión a carta asinada por A.S. o sábado 6 de outubro na Comarca. E, aínda que non vai dirixida a min, animeime a poñer algún comentario sobre o tema.

En primeiro lugar, felicidades. Evidentemente, non por sufrir, senón por dicilo públicamente. Ás veces parece que fora un delito facer un recoñecemento público e que houbera que dicilo así como de pasada, quitándolle importancia, según diante de quen e as menos veces posibles. Por eso, unha recomendación: para rematar de saír á luz pública, mellor fáino co nome completo, para que a xente saiba e poda solidarizarse contigo. Representa unha axuda a agradecer e un paso adiante. O paso de saída nun camiño longo na reivindicación do dereito ó descanso e mesmo á saúde.

En segundo lugar, unha comparación. Na zona vella ocorre algo semellante. Non hai camión ás 5 da mañá, senón que máis tarde só é o do lixo diario o que se ten que meter marcha atrás. Dicir que nesta zona a cousa comeza antes, cos viños, cando os bares que teóricamente non poden ter música resulta que si a poñen, e ás veces baixiña mentras que outras non tanto e coas portas abertas, podendo simultanear ritmos folk e sudamericanos dende a casa. Ambas cousas, calquera día da semana. Despois danlle o relevo ós outros locais de apertura máis tardía. A xente pola rúa, con características semellantes, polo que parece. Hai outros datos que se poderían comparar, pero da túa carta non podo saber se se incumpre a hora de peche, tanto deixando entrar e saír xente con ou sen música na hora de desaloxo como despois da hora de 'peche efectivo' (mesmo con artimañas como cerrar a verxa, apagar as luces e mandar calar a xente un rato para burlarse da patrulla) ou se os locais teñen ou non saída de emerxencia, por poñer só dúas das posibilidades que se dan na nosa zona.

En terceiro lugar, coido que é preferible pedir cousas concretas para ir dando pasos adiante en troques de queixas xerais das que os alcaldes, como ti ben dis, como pouco rinse (podo testemuñalo dende o ano 93). Así, aí está a petición da aplicación da ordenanza municipal sobre ruídos, que non se está cumprindo nin en cousas das máis pequenas da versión suave que votaron por unanimidade nun pleno o ano pasado, e que pon, por citar algo indicativo da voluntade de facela cumprir, que os locais han de ter unha plaquiña coa categoría na porta. Nin eso. O da ordenanza daría para varias Comarcas. Tamén está aí o PXOM, no que o Concello ten que poñer o das zonas acústicamente saturadas para tomar medidas especiais nelas. PXOM que se verá trabado na súa aprobación definitiva mentras non as contemple: para algo hai xa sentencias xudiciais que recoñecen a existencia e o perxuízo do ruído en Ribadeo. Ou a petición de patrulla da policía local tamén as noites de xoves e venres durante todo o ano. Cousas que hai que razonar. E, claro, despois das normas, ven a esixencia do seu cumprimento.

Por último, e para non cansar con moitas outras cousas que se poden poñer, algún detalle pequeno. Para percorrer o camiño hai que armarse de datos documentados (aínda que sexa certo e público, terás que demostralo), de queixas doutros veciños (de xeito individual ou en grupo, sempre son un apoio), medidas de sonómetro (chamadas á Policía Local), denuncias por peche fóra de horas (á Guardia Civil)... Tamén hai que armarse de paciencia, e, se é o caso, de diagnósticos médicos para empregalos cando corresponda (non serías a primeira persoa afectada psíquica ou fisiolóxicamente polo ruído). E ter un plan, aínda que só sexa a determinación de seguir para conseguir mellorar as condicións de vida un pouquiño.

En fin, coido que esto xa se extendeu demasiado, aínda que quede case todo por dicir. Espero que a experiencia de máis de 14 anos e dous xuízos gañados ó Concello en relación cos ruídos poda servir de algo a outra xente, aínda que a min polo momento e na práctica me sirvan para pouco máis que para pensar algo aliviado como sería a cousa se un día non dera comezado a reivindicar os nosos dereitos.

Ningún comentario: