20071006

Néboa de vaivén


Onte, nun curto tempo, descendeu a néboa e voltou despexar (alomenos na zona elevada da vila; na zona máis baixa foi fariña doutro costal), de xeito que costaba ver a torre da igrexa dende o fondo do parque. A foto non corresponde a onte, senón a anteonte, onde si se podía ver a igrexa castropolense entre a néboa, cousa imposible onte nos mellores momentos.
Indo de igrexas, lémbrome de que o próximo domingo (14/10) está previsto que veña o bispo facer misa a Ribadeo, e despois, a inaugurar (bendicir) a restauración da casa anexa, que tamén pertence á igrexa, e na que teño entendido que hai restos abondo antigos que foron ben conservados ata a actualidade.
É hoxe o día que saen no periódico os cortes no paseo marítimo, feitos apra evitar as carreiras, aínda que parecen mellor para o cruce de peóns. Seguen sen estar ben protexidos para non fastidiar as rodas, pero a intervención foi rápida...
Vexo que me faltan fotos: da grúa no centro da que daba conta o outro día e da finalización da obra do derrumbe do faro, que quedou sen beirarúa e cunha cuneta pequena. Parece que tamén alí, cara ó faro, vai haber algunha variación na seguridade, posiblemente tamén algún medio para que se reduza a velocidade.
E, mentras hai unha certa confusión no tema da reserva da biosfera (por exemplo, non hai movementos oficiais para aglutinar accións pero un representante da confederación hidrográfica di que virán axudas ... do goberno, non direitamente da confederación), hoxe hai festa no clube náutico, con recepción de xefes de clubes náuticos de toda Europa.

Ningún comentario: