20071227

Prova d'orchestra, unha terceira de hoxe lembrando a Hernán Naval

Data: Sábado 21/11/1992
Fonte: La Comarca del Eo (semanario ribadense)
Título:PROVA D´ORCHESTRA
Autor: HERNAN NAVAL
Descrición: (Refereida por Fuji) ARTIGO, toma o titulo dunha pelicula de Fellini e prantexa os delicados equilibrios entre democracia e liberdade que se dan nunha agrupacion profesional
Comentarios: Artigo o fío dunha actuación da Sinfónica de Galicia en Ribadeo no ciclo de Inverno, a sinfonica de Galicia, de recente creacion, compartiu ano de creacion coa banda municipal de Ribadeo. Igual nunha que noutra desataronse polemicas coa sua creacion cada unha o seu nivel.


“Prova d´orchestra”

“Para Sabas Calvillo, quen logo do concerto, frente a unhas cervexas, convenceume doutro fraseo para “Negra Sombra”

Até hai pouco, como en Galiza non había unha soa Sinfónica, como aos sucesivos ocupantes de Raxoi non lles caía a cara de vergoña porque nen trazas de que a fora haber houber, como a Xoven Orquestra era moi xoven e intermitente, algúns andabamos coa teima pretenciosa: as Bandas han de ocupar o lugar das Orquestras. Iso é, nen Sinfónicas eran as Bandas existentes (agás, a médias, a da Coruña) e aquí dispostos a atacar a Titán de Mahler frente a trinta educandos. Enton, un día, o faraón herculino anunciou con europeica fachenda que á cidade do Obelisco virian quedaranse, para tocar…, músicos dos tres pontos cardinais, ou sexa, do Leste e do Oeste. E viñeron. Axiña se extendeu un lado patrioteiro: ¡”Só nove españois, e nen un só galego”!. Houbera audicions de captación en Londres, en Moscova, na Julliard de Nova Iorque, dixeron. No entanto, os músicos daquí intentábamos un dolce no trío de Ponteareas.

Ouvimos á Orquestra Sinfónica da Galiza aquí, en Ribadeo, que para algo é un Concello do Bloque e algúns sabemos de ópera, de estratexia militar e, seguramente, de extinción de chamas de papel… Mozart, Dvorak e unha Negra Sombra sen excesos fraseísticos. O grupo é formidabel. Ficaron en volver. E tocarán outravolta en Ribadeo o 11 de decembro, con Cristobal Halffter, como director convidado, á batuta.

Os xornais deron conta de que na Orquestra Sinfónica de Galiza comezaran as hostilidades, permítasenos o eufemismo bélico aprendido en televisión cando a Guerra do Golfo. O cosmopolistismo, o tecido internacional do grupo humano (músicos rusos, ianquis, sulamericanos, centroeuropeos…) non nos fixeron nunca pensar que no seo da orquestra se pudese viver a guerra fría. Extremo a confirmar, of course, e en todo caso se se acredita no suposto que contiña unha das primeiras informacións dun diario galego sobre a crise sinfónica: estariáse a producir un enfrontamento entre ós músicos norteamericanos e os do grupo de antigos países comunistas. E nós “da capo” Lug-Ferrol, pero a carón da Orquestra Sinfónica, do grupo de gospel The Fairfield Four, do dueto Airapetiante e do Coro “Airiños de Ribadeo”, nese Ciclo de Inverno parido por Balbino nun acto de nepotismo concertante sen precedentes.

Unha das máis fermosas películas de Federico Fellini. Prova d´orchestra (Ensaio de orquestra) , tal vez conteña, na súa filosfía, algún elemento de interpretación do que pudo ocorrer na orquestra. Fellini sorprendiase a si proprio tratando coa cámara unha cuestión difícil: cómo unha orquestra de formación tan heteroxénea, con xentes sempre a piques da contenda persoal, lograba tal harmonía final? Prova d´orchestra é, segundo J. M. Latorre, “unha metáfora sobre os traballadores da música, sobre a delimitación de competencias no feito e no terreo da criación artistica e sobre a música mesma”, e lembra o crítico o tema bufo de Nino Rota, o autor da banda sonora, empregado para unha secuencia na que se desata a histeria dun profesor de orquestra…., aínda que é máis común que sexan os directores quen ceiben a neura.

¿Crise na Sinfónica? Ao fondo albiscaríase unha controversia natural sobre as limitacións democráticas nun colectivo musical e, se se empeñan, sobre as relacións Leste-Oeste… Imposible xa outra crise dos misis, veña a crise dos atrís. E os autóctonos tamén valemos para o círio. A Banda de Vigo esta en fase terminal desde que o alcalde Soto quixera facer dela unha Orquestra de Cámara (era humilde de máis e así e todo, porque o que había que facela era Sinfónica). Algo debe ocorrer na de Compostela se no periódico saen cartas que falan de presuntas irregularidades e posteriores desmentidos do mestre Santos Bartolomé. O conflicto da de Lugo tivo estalido sindical polo San Froilán, cando os músicos apontados á CXTG non quixeron que a Sabeliña de Freire e de Trapero chorase ao escoitalos. Mentras estas notas tecleamos en limpo soan n aparato unhas pezas para clavecin de F. Couperin que se titulan As barricadas misteriosas… En Ribadeo, nada. Nada de contemplacións, quero dicer. Con permiso correlixionairo, ensaiamos Suspiros de España.

-Dire, a ver cando cobramos a última saída. E a ver se facemos un descanso de dez minutos. E ademáis, paréceme que os “tresillos” éstes de Suspiros… non son así.
- Ti toca e cala, ou encerrate no water co instrumento a “facer labio” a base de “notas tenidas”.

HERNÁN NAVAL

Ningún comentario: