20080112

O que se di e o que non se di

"A información e a comunicacion sempre foron vectores de poder dominantes, poderes alternativos, resistencias e cambios sociais. A influencia sobre a mente das persoas, que a comunicación favorece, é un punto clave. Só ó moldear o pensamento dos pobos os poderes constitúense como sociedades, e as sociedades evolucionan, cambian".
..."A influencia máis determinante que os medios de comunicación exercen sobre a política non provén do que se publica, senón do que se silencia". ..."O seu poder fundamental reside entón na facultade de ocultar, de enmascarar, de condenar á inexistencia pública".
As citas anteriores viñéronseme á mente a conto das novas de hoxe. Corresponden a un artigo de Manuel Castells en Le Monde Diplomatique ("Los nuevos medios de comunicación", Le Monde diplomatique, Ed. española, agosto 2006, pp21-22).
A escolma incompleta de novas de hoxe: 'O pleno de Ribadeo debatirá se se licita un aparcamento subterráneo'. Será o luns, e lendo un pouco máis vemos que se regularizarán 5 edificios porque o alcalde quere que sexa o pleno quen o faga (e digo eu, non entendo moito pero se o tiña que facer o pleno, importa pouco o que queira o alcalde, e se non, o do pleno só é un verniz para meter a todos no allo ante o pobo...). Mentras, hoxe mesmo, no mesmo xornal, César Aja, anterior alcalde de Viveiro, diríxese ós afectados por unha sentencia urbanística en Viveiro, con orixe no seu mandato, e os construtores de Barreiros 'analizan' o urbanismo local (que urbanismo hai hoxe por hoxe en Barreiros?).
Hai tempo xa se falaba da importancia de ler entre liñas as novas da prensa. Hoxe, mentras o informe PISA di que en España se le mal, o que se necesita non é xa só ler, senón ter outras referencias para entender máis aló do que poñen as letras das novas, esa 'información oculta' da que fala Castells.

Ningún comentario: