20080228

Apatía de Ribadeo


De novo aparece a apatía. Esta volta entre os comerciantes, como un dos puntos básicos para que despois de 9 anos Gervasio Cao deixe a presidencia da Asociación de Comerciantes. Coido que nalgúns puntos, Cao e máis eu temos coincidencia de opinións. Noutros, oposición total. Así, por exemplo, aparece como un dos logros punteiros alardeados na súa despedida un punto sobre o que di que O Tesón organizou unha manifestación: a consecución do Porto PIF para Ribadeo. Se se le a entrevista verase que a opinión é diferente non tanto na oportunidade do PIF (relacionado co peche de Mirasol en trámite dende hai tempo) como nas súas consecuencias; a manifestación foi contra o recheo, non contra o porto PIF. E o que el di que os políticos 'deron o seu brazo a torcer' eu interprétoo como traizón do alcalde ó pobo, encabezando unha manifestación para dous días despois cambiar de chaqueta (así, despois de dicir con arrogancia que 'o pobo xulgaría nas eleccións' porque aínda faltaba tempo, perdeu a alcaldía pasando a ser abondo menos votado).
O caso agora é que se vai, e revitalizou a ACIA deixándoa ademais con caixa a disposición, pero denunciando a apatía.
Algo que se manifesta de moitos xeitos: A outra nova hoxe é sobre a Torre dos Moreno: unha asociación con sé en Vigo, 'Amigos dos pazos', vai tentar de potenciar o seu amaño... un gran non fai celeiro, pero axuda ó compañeiro. Mentres, Ribadeo segue algo 'apático' sobre o tema (algo do que se falou nun dos últimos plenos)
A imaxe, unha foto do 'Porcillán expandido' que propiciou Cao, co tesón ó fondo, tomada a pasada semana.

Ningún comentario: