20080223

Contigo Galiza decide por todo o que paga a pena con cabeza e corazón


Ó comezo da campaña eleitoral pódense facer algúns xogos. por exemplo, combinar os lemas das vallas que se van poñendo (en Ribadeo, polo momento, vin cartelería de tres tipos: PP, PSOE e BNG), como fixen no título desta entrada. Por certo, que sendo quizais o do BNG o lema que menos chama 'á interioridade' dun, é o máis prático no sentido de que construír unha frase cos tres, na orde que se queira, implica que resalte e sexa o que leva o sentido da frase, como no título.
No outro extremo da propaganda atópase o ribadense Mariano Grueiro, que non terá unha soa valla nin cartel, nin díptico, nin mítin (mañá domingo, mítin do PP en Ribadeo), ... nin partido detrás para ir apoialo porta a porta, e a quen lle auguro un mínimo: 3 votos. Pero non un máximo. Imaxinemos que a súa candidatura ó Senado por Lugo (non importa moito o partido republicano polo que se presenta, pero si que vai para o senado -o partido non se presenta ó congreso por Lugo-, no que se vota de xeito individual a cada persoa, podendo misturarse de diferente partidos, por exemplo, e non ó Congreso, con lista cerrada de cada partido) é acollida pola xente que non ten que votar porque está desilusionada do sistema. Ou por aqueles que saben que o seu voto non vai ser útil porque aborrecen dos partidos maioritarios que serán quen se leve o gato á auga. Ou mesmo por aqueles e aquelas que queren saber de xeito claro unhas cantas ideas do candidato senatorial ó que están votando. Alomenos nos dous primeiros casos sairía por goleada. Respeto ó terceiro, a difusión de internet e o seu uso para determinadas cuestións na provincia farían abondo improbable a súa saída. Difícil será que cadre calquera dos tres supostos, pero quen se presenta, aínda sabendo que vai de perdedor, sempre ten un pequeno resquicio para unha milagre (deses que non existen...)
Por certo, hoxe é 23 de febreiro, aniversario da intentona de golpe de estado de Tejero & cia, o que vexo reflexado na Galipedia e animo a calquera a cubrir o artigo, mesmo tendo como referencia a wikipedia española (primeira ligazón do parágrafo), ou como mínimo a lembrar a historia para non repetila (aquela noite máis dun pensou en marchar de España...)
A foto corresponde non a un pozo con luz no fondo, senón ó oco dun ascensor tomado dende abaixo: as cousas ás veces non son o que parecen (na realidade, con máis frecuencia da que imaxinamos). O caso é a luz do final: un camiño angosto, pero pódese chegar á luz se se pasan as dificultades. Algo que se parece a procura do candidato adecuado para depositar o voto...

Ningún comentario: