20080205

Dous amigos

Dous amigos
No medio da maraña de entrontamentos relixioso políticos que ven tendo lugar a última tempada, entereime do nomeamento do novo bispo lucense polos medios de comunicación, e non puiden menos que felicitar ós seus fieis e animalo a el polo traballo que lle ven sobre o corpo: non coñecín ó antigo bispo lucense, pero si coñezo ó que o será en breve de xeito abondo como para saber que, como se di agora, vai currar o seu posto.
Por iso, nada máis enterarme da nova, e da súa continuación en forma de comentarios/insinuacións de nepotismo, pensei sinxelamente 'non lle fai falta'. É un NASP (= novo, aínda que sobradamente preparado) que ademáis, ten entusiasmo e adicación.
Chegado a estas alturas, coido que calquera pode identificar as referencias do título. E tamén calquera pode lembrar que precisamente a amizade ben entendida pode propiciar a crítica temperá por coñecemento previo e facilidade de transmisión.
Sigo.
Tocoulle bregar co posto nun tempo no que un partido político remata de cruñar o que trata de chamar 'os dez mandamentos laicos', no que moita xente non é capaz de sentir o silencio e procura rodearse en todo momento de ruído ou no que algún prelado chama dende o púlpito a votos cautivos afirmando que Deus aproba as súas intencións. Non está de máis lembrar que o primeiro dos mandamentos citados reza pola 'revisión dos acordos coa Santa Sé', continuando coa 'saída da relixión das escolas', cousas ambas que miro con simpatía. Asemade, gústame a música (non o ruído), pero sobre usala para taponar as ideas/o pensar das persoas, facilitando a evasión, representa un escapismo sin reflexión sobre o que, sen ter falado previamente, creo que comparto a opinión co novo prelado. En relación á chamada ó voto, coido que as discrepancias entre nós poden estar a metade de camiño dos dous anteriores. Pero as anteriores poden non deixar de ser pequenas reflexións sen moita base obxectiva.
Non vin case por ningures citado o título do seu traballo de tese doutoral, 'O Primado do Bispo de Roma', que pode dicir sobre a persoa abondo máis que suposicións sen moito pé que se levan feito. Tampouco sobre outras obras, menores ou maiores, como 'El ministerio petrino al filo del Tercer Milenio, La Separación - Cooperación Iglesia / Estado (nesta ligazón, extracto/comentario), 'A propósito da contribución teolóxica de Johann Adam Möller',
De «Populorum progressio» a «Sollicitudo rei socialis»
ou unha lista como a que se pode atopar referenciada na Universidade de La Rioja. Tamén me estrañou que a foto correspondente á nova do seu nomeamento, nalgún medio fóra precisamente a da cúpula episcopal e non a de Alfonso. En fin, pasar por alto unha biografía enteira paréceme algo que non se debera facer cando se está pensando na figura dun Bispo que se debe coñecer (e nos debe coñecer) para tratar, non en ninguén que se deba seguir como un santo ou combater como un inimigo. E iso é algo que se está a facer e do que un se decata cando ó preguntar nun buscador sobre alguén dunha traxectoria como a de Alfonso atópase a grande maioría dos primeiros lugares (estiven vendo ata o 50 en 'Google') dos resultados ocupados polo seu nomeamento (suposicións incluídas sobre o 'despois' ou o 'antes') e non polos seus feitos, moitos nun intenso medio século de vida.

Ningún comentario: