20080227

Eu crin que só eran dous partidos! (Unha pequena reflexión)


O título corresponde á expresión dun pre-adolescente veciño de Ribadeo ó chegarlle á casa familiar propaganda eleitoral, a 'sábana' que envían de propaganda para a Senado, na que teñen que figurar todos os partidos. Pois si, neniño, non só son dous partidos, senón toda esa ristra que ves. Hai os dous coñecidos, está o BNG, que en Ribadeo tamén debera selo, e toda unha ristra máis de descoñecidos, marxinais, raros ou sinxelamente sen recursos para darse a coñecer máis, e por suposto, sen posibilidades de saír na tele nun debate entre dous como se está a facer entre os maioritarios. Cabe entón pensar se os maioritarios o son por que dispoñen de recursos ou o revés, dispoñen de recursos porque son maioritarios. Nestes momentos, a cousa parece clara, pero xa falei noutro sitio de que aquí tamén hai que considerar a súa especial versión de 'que foi antes, o ovo ou a galiña'. O caso é que na actualidade, reducir a cousa a dous partidos que se reparten no poder reduce abondo o debate e as posibilidades dunha política creativa. Pode solucionar (ás veces) o facer cousas consensuadas, pero rematarán dicindo cousas moi parellas, mentres facilita que vexamos a outros moitos grupos como auténticos bechos raros cando poideran representar en algúns aspectos á maioría da poboación.
En fin, sigamos con outro tema. Por cortesía de Eomática, pronto estará disposto o libro dos 25 anos de entroido, a parte da versón .pdf, (que por certo, tiña unha ligazón mal e xa corrixín), tamén en versión de formato aberto, .odt, co apartado gráfico algo mellor que na versión anterior.
E o dos gráficos lémbrame unha páxina de humor que vin recentemente, a 'Tira ecol'. Sobre tecnoloxía, para ler de cando en vez e rir un pouco (se se desfruta con ese tipo de humor)
A foto, dun lugar típico no Xardín de Sela, capela da Virxen do Camiño, comezo da r/Luz Pozo Garza, próximamente Parque de indianos.

Ningún comentario: