20080306

Aleluia!


As expresións de xúbilo son contaxiosas. Iso espero que pase ista volta. Non coa cabeceira da entrada, senón coa súa causa: resulta que se poñen a investigar o como está a acción humana diminuíndo a riqueza das rías. Pode que se diga, como outras veces, que para iso non fan falta moitas alforxas, pero o caso é que mentres se sabe que están mermando, o como é algo máis complicado, e pode dar lugar a unha concienciación maior pola conservación do medio ambiente e en particular do das rías. Por iso, aleluia!, aínda que esteña centrado no marisqueo, segundo parece, pois todos sabemos aínda que non nos queiramos decatar, que as cadeas de dependencia que se establecen na natureza son ramificadas e polo tanto se se fai ben o estudo, sairán moitas máis cousas, moitas máis dependencias e necesidades vitais das rías.
Non é doado afacerse á idea: resulta que só pola electricidade consumida, tocamos a preto de 8 toneladas de dióxido de carbono emitido a atmosfera por cada 'españoliño de a pé'. É moito máis doado refuxiarse no teatro como manifesta a xa célebre foto da peli 'Os mortos van apresa' con políticos facendo de curas, mentras no 'mundo real' os curas se meten a políticos.
Mentras, tamén ocorren outras cousas no mundo da políticoeconomía. Así, despois de dar xa hai preto de dous meses a primeira nova dunha suspensión de pagos no sector da cosntrucción mariñán, hoxe mesmo pode verse como as obras do novo edificio do CIFP Porta da Auga (resultado da escisión do IES ribadense) están paradas. As empresas subcontratistas deixaron o tema despois de non recibir cartos dende hai tempo. Parece que o encargado, por exemplo, non cobraba dende hai varios meses. Como soe suceder, cantidades concretas e demáis, son difíciles de comprobar, pero o caso é que a obra está parada, e non por falta de licenza adecuada ó PXOM, que aínda non sei de onde se sacou cando no mesmo centro hai un edificio parado por ese tema. Ben, pois agora sae na prensa que Mahía, a promotora do Costal, promoción con convenio co concello da época balbinense, se ten querellado contra o concello por desestimación da promoción. E iso, antes do PXOM que se votará luns. A lembrar que se fixo unha mesa redonda por parte de O Tesón sobre esas promocións que non se consideraron nin desexables nin adecuadas, na que participaron políticos e promotores pero non quixo facelo o alcalde de entón, Balbino.

Ningún comentario: