20080321
Días de escenografía
Días de paixón, días da paixón, días da escenografía da paixón. Coido que na actualidade sería este título o que mellor lle viría. De feito, víuseme á cabeza ó ver pasar unha das dúas semi-procesións do Santo Encontro, con tres persoas seguíndoa e os costeleiros relaxados. Por casualidade, tamén entraba na imaxe un fotógrafo en procura de material. Pregúntome se por exemplo os costaleiros son conscientes da escenografía na que participan. Coido que en xeral, si, achegándoos máis do que parece ás veces ós actores de teatro. Algo que se ve correspondido polos fieis/curiosos cando tamén son/somos conscientes do seu/noso papel como espectadores.
Onte foi a presentación dun novo libro de Carlos Álvarez Lebredo sobre a historia musical de Ribadeo no s.XX. Nestes casos sempre hai algunha curiosidade, como que non estaba presente o diretor da banda municipal de Ribadeo, que se ben non ten por que estar, contrasta con que a directora da coral estivera na mesa e o presidente de Amadores entre o público, ambos por aparecer no libro como referentes musicais da última época en Ribadeo. Tamén estaba a concelleira de cultura entre outras moitas persoas que enchían o salón de actos da Casa do Mar.
Entre o que alí se dixo, destacaría as verbas de Chemi Lombardero que resaltaron á música como cohesionadora social (á miña cabeza vénse tamén algún exemplo do contrario, se ben coido que en xeral é como dixo Chemi) e incorporadora de novos veciños a Ribadeo, o apoio do concello como factor clave para o rexurdir da música en Ribadeo nas derradeiras décadas e a imbricación da música e a súa evolución ó longo do século en Ribadeo co desenvolvemento social e técnico da vila.
O autor propuxo ó final da súa intervención o ensino das cancións ribadenses nas clases de música, a súa introducción nos coros e os concursos de cancións, aproveitando que estaba a concelleira do ramo. Pareceume algo un tanto deslavazado, pero un tamén pode comprender mal, e a isas alturas xa tiña no maxín, despois dunha relativamente longa charla do autor, cousas a procurar no libro (a dicir que non sería a primeira volta que manteño posicións enfrontadas con Carlos).
Acompaño tres fotos, unha da ex-parada de taxis que se quitou dalí para deixar espazo,ó que parece, a mesas de hostalería (o máis a miúdo) e a aparcamento doutros coches, mesmo a coches en contradirección nunha rúa semipeonil. Outra, lembrando o PXOM, dun emparedado no que medra unha estrutura grande de vivendas entre dous edificios tradicionais, tomada en Foz. A terceira, o paso dun paso: a procesión do encontro subindo por Viejo Pancho este ano (un momento diferente ó comentado antes)
Etiquetas:
arquitectura,
Fotos Ribadeo,
Música,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario