20080313

Primeiras recomendacións sobre o plan xeral

Despois de comentar a súa aprobación no pleno, e de dar o seu enderezo electrónico, toca agora dar uns primeiros pequenos consellos ós interesados no Plan xeral de ordenación municipal de Ribadeo. A primeira, facer o análise dende a páxina principal do propio plan, premendo co rato na primeira ligazón das que poño. Son moitas follas escritas e moitos planos, polo tanto, paciencia. Tanto para descargalo como para procurar a información que se pretende en primeiro lugar. Está moi ordenadiña e bastante completa, pero iso fai precisamente que a quen non esteña afeito a tratar co mamotreto lle sexa mellor centrarse e ir primeiro ós lugares de índice, procurar o plano e logo de ver o plano, ir ó texto. E, por último, darlle unha ollada xeral á información: o PXOM non é só a nosa parcela concreta, que pode 'saír favorecida', senón Ribadeo, que se non sae favorecido en conxunto tamén afectará a esa parceliña anterior que parecía que 'saía favorecida'. Rematando co pleno: houbo outras preguntas da UPRi; unha sobre carteis na precampaña, o que foi resolto sinxelamente coa resposta de que non houbo queixa á xunta eleitoral. Saíu a UPRi sobre o centro de maiores de Obe e déronse cifras: 30 persoas no centro de día, a residencia a tenor de como saia finalmente o PXOM, o convenio, entre Vicepresidencia da Xunta e Bispado, non dispoñible no concello. Houbo unha pregunta que quedou sen responder sobre gastos de son e iluminación nas actividades de 2007. Outra sobre o Castro das Grobas, na que UPRi destacou que as asociacións veciñais estaban activas no tema. O alcalde dixo que xa hai un convenio asinado para facer catas, despois de ter feito un segundo desbroce hai un par de meses. Varias cousas pequenas sobre aranxos finalizaron coa recomendción do alcalde de dicirlle ós veciños que non teñan medo en ir ó concello... A ver se os alcades, este e quen sexa, animan ás veciños a participar doutro xeito diferente ó que o están a facer, pero parece que isto só se ve cando afecta en temas particulares, como neste caso en preguntas que non deberan de chegar ó pleno cun funconamento participativo. Claro que para animar ós veciós na participación fai falta moito máis que dicilo nun pleno, e se non, que falen co Tesón, que temos experiencia no tema. Do PP, subliñar a pregunta sobre a lei de dependencia e afectados: nº de casos resoltos en Ribadeo ata o momento? A resposta, na totalidade do proceso, ningún. ... E aínda que houbo máis (por exemplo, a contestación ás preguntas de O Tesón que poño a continuación), tiven que marchar ... Preguntas ó Pleno de Ó Tesón:

1.Dado que entendemos que hai incumprimento de prazos na aplicación da lei de dependencia, solicitamos saber se o concello está a facer algo para impulsar a súa aplicación e, en tal situación, coñecer cantos casos hai avaliados.

2.Ante o mal entendemento declarado polo sr. alcalde en relación á pregunta sobre a asignación e concesión de espazo para as terrazas, aclaramos que se refire á ocupación de beirarúas ou prazas por terrazas de bares en diversos lugares da vila, en particular no verán. Como exemplos, sirven o Cantón dos Moreno (no que os pequenos xa están totalmente desprazados), na rúa S. Francisco (na que foron desprazados os taxis para agora meter terrazas), na rúa peonil Rodríguez Murias (na que ás veces fórmanse auténticos tapós de viandantes debido ás terrazas) ou na praza do mercado, onde a liña de beirarúa deixada na 'rúa semipeonil' Dr. Moreda vése totalmente cortada polas mesas no exterior dun local. Unha volta explicado, repetimos a pregunta como recordatorio: “solicitamos coñecer os criterios de asignación e concesión de espazo, se existe ordenanza adecuada e se aplica, e en particular se teñen en conta a disposición de solo para uso doutras actividades non lucrativas como pode ser sinxelamente camiñar ou xogar, así como se hai disposto algún mecanismo de corrección en caso de abuso.”

3.Dada a pouca accesibilidade da casa do Concello para a xente con discapacidade ou deficiencia motora, solicitamos saber que medidas se pensa articular para facilitar o acceso ás persoas con discapacidade ou deficiencia motora.

A resposta aproximada foi no primeiro punto, que xa se contestara no pleno a un grupo municipal. No segundo, non houbo unha contestación direita, senón que se bordeou. e no terceiro, estase en xestións.

Ningún comentario: