Cando comezo a escribir, levan pasadas dúas semanas dende que iniciou o prazo de alegacións, e non vin moitas alusións na prensa.
A empresa supoño que xa cobrou parte do terceiro tempo do PXOM (é dicir, a terceira vez que a mesma empresa fai o proxecto para a mesma validación do PXOM en Ribadeo). E sería cousa que non fora así. 'Así' vai polo cobro repetido por facer algo que só debera ter sido feito unha volta, pero ben. Claro que os políticos tamén inflúen en que non se dera feito polo momento. Pero 'así' vai tamén porque esa falta de movemento implica que o plan estase a levar como algo de particulares, cada un defendendo os seus propios intereses, pasando ó final, e por dicilo dun xeito suave con verbas de Kipling, que as árbores non deixen ver o bosque. É dicir, que os intereses de cada un non deixen saír a flote os intereses comunitarios que deben de estar por riba e que en xeral influirán en que os intereses particulares tamén sexan atendidos en forma convinte.
O plan que está en período de alegacións (ata o 2 de xuño) é moita información especializada para abordala en solitario e cuns coñecementos moi reducidos. Por iso un grupo de xente estamos mans á obras para abranguelo algo mellor. Pero mentres chega e non chega, e como dous meses non son moito tempo (os especialistas que fixeron o plan tardaron máis, non si? E os políticos que lle deron a aprobación inicial, tamén) vaian algunhas verbas para comezar, sen pretender nun par de cuartillas dar unha estrutura xeral alternativa, senón chamar a atención sobre algúns puntos indicativos que se poden ver dunha ollada curta e profana na materia.
Na miña opinión, o documento presenta síntomas de chapuza nalgúns aspectos. Teño deixado no meu blog imaxes con zonas de Ribadeo que non se corresponden coa realidade, o que, para o terceiro intento da mesma empresa non di moito de bo. É certo que a complexidade dun plano como o PXOM vai deixar sempre erros, pero de seguir coa mesma tónica, un plano correspondente a unha cidade, poñamos Vigo, sería sinxelamente ilexible, e non pola dificultade técnica, senón polos erros.
Calquera pode ver cousas como que obras xa realizadas non aparecen (pode tentar procurarse a fonte do Parador, coa súa rotonda), obras que levan xa tempo previstas e apunto de comezar, tampouco (que se mire polo ascensor da atalaia), outras aparecen de xeito diferente en planos diferentes (e aínda mal en todos eles, como o último recheo, que ou ben non aparece ou ben aparece con medidas que non corresponden, como se fora algo do que se avergoña o concello, por citar ata o momento só obra pública). Aparecen zonas de planta baixa compartindo parede con outras zonas de sete alturas, rúas sen o ancho adecuado, pero tampouco co ancho real, e así sucesivamente. Exemplos, sobran. E estrana que non saíran á palestra ata o momento.
De calquera xeito, por algún sitio hai que comezar se se quere ollar o plano xeral. Por exemplo, pola memoria que o acompaña.
Bótolle a ollada ás primeiras páxinas e... sorprende que cun goberno do BNG a memoria vaia en castelán con nomes en galego polo medio, misturados, pero esa é a tónica non só da memoria, senón tamén dos planos en relación ós 112,3km2 declarados como extensión do concello.
Entrando en materia, non parece que os redactores do plan 'entraran moito en materia' dándose uns paseos por Ribadeo antes ou ó momento de coller e poñerse a traballar cos planos. Parece máis ben unha obra de estudo, deixando a realidade fóra. E non me refiro só polos gazapos nos planos, xa citados.
Na memoria, páxina 12, obsérvase que non existe a autovía como estrutura de comunicación, citando unha conxestionada estrada costeira sen máis. Outras referencias noutros lugares da memoria indican o mesmo, mentres nos planos se mantén como un futurible o que xa estaba realizado cando se deu a aprobación inicial. Por suposto, a evolución posible do tráfico á luz de segundas residencias ou dos prezos e esgotamento do petróleo é algo que lle queda grande ó plano.
Unha páxina máis adiante recolle o de Vilaframil como o 'único aeródromo da provincia'. Non afecta ó de Vilaframil que o de Rozas sexa máis coñecido e abondo máis antigo, pero di algo sobre como se fixo a recollida de datos.
Os datos demográficos que usa na páxina 14 son os do censo 2001, nos que Ribadeo aparece con 9163 habitantes, e non cos 10000 que pretendía o alcalde o pasado ano e que estaban pendentes de comprobación (ou os 9704 que aparecen no cómputo de xaneiro de 2007). O caso é que hai entre ambas cifras unha diferencia de perto do 10%, e 7 anos nos que Ribadeo evolucionou: o plan preténdese para 30 anos, pero esa diferencia implica que se parte xa cunha incertidume inicial correspondente a un cuarto de dita cifra, o que se ve apoiado e incrementado porque na p.15 realiza unha recompilación de datos sobre a demografía anterior de Ribadeo e non os proxecta sobre a futura. É dicir, contan máis os habitantes de Ribadeo no 1991 que a día de hoxe, como se corrobora asemade na p.22 onde se toma como base última os datos das vivendas no 1991. Cambiou Ribadeo dende entón? Coido que si, e máis aínda se introducimos que a tendencia de datos de poboación que se consideran non é a actual. Por outra banda, os datos, chantados sen máis, necesitarían dunha mínima análise para saber como se van a interpretar e de xeito consecuente que se vai a facer con eles.
Nas páxinas 20 ou 25 aparecen algunhas curiosidades, que hai que ver á luz dos bailes de datas delatados no parágrafo anterior: dous de cada cinco empregos de Ribadeo están no sector servizos (eu diría que máis...), e no termo de Ribadeo existen ... 371 segundas vivendas! (eu diría que máis!)
Facendo un inciso, e despois dunha ollada moi rápida sobre o documento, coido que segue a faltar un desideratum sobre o que se pretende para Ribadeo no futuro, pedido polo Tesón e por min como alegación e tamén na comarca e no blog con anterioridade.
Causa estrañeza (alomenos a min) que, ó coller un criterio de entidades de poboación de 500 habitantes, Rinlo non sexa en consecuencia considerado como núcleo urbano para cómputos poboacionais (p.27) na memoria. En contradición co anterior, nos planos de núcleos urbanos si aparece Rinlo diferenciado.
A memoria ten dez veces máis extensión que a que levo comentado, e os planos son moitos máis. Polo momento, punto.
(publicado onte na Comarca e onte e hoxe no El Progreso/ A Mariña)
Ningún comentario:
Publicar un comentario