20080408

Begasa, galego e estrutura

Onte participei no debate de Onda Cero na Mariña. Había máis temas, pero quedámonos parados no do corte de luz. Comezamos por sentimento e opinión, e logo pasamos a unha parte máis técnica, na que entraron non só a infrastrutura (non só deficiente, senón tamén pequena xa en Ribadeo), senón a legalidade (a distribución de responsabilidade en produtores, transportadores e subministradores deixa desorientados ós consumidores para reclamar) e a observación de indefensión cidadá (se o alcalde, representante popular, emite unha queixa máis que unha protesta, que lle queda ó cidadán de a pé?). Unha frase miña desta segunda parte, 'Un ten dereito se ten man esquerda', pode ilustrar os derroteiros que tomou a discusión.
O caso é que, horas máis tarde, atópome unha letura de Xosé Manuel Sarille que me lembra o tema da estruturación social en Galicia dende outro tema, o da normalización lingüística (no seu libro 'A impostura e a desorientación na normalización lingüística'). Máis ben, a desestruturación social, o clientelismo asociativo, e un certo esquecer o pasado, esquecer quen somos, en aras dun futuro que non sabemos onde está nin se imos cara el (atención, non o digo en plan nacionalista, senón persoa). Sarille non o di exactamente así, mentras pinta un panorama no que espera que o galego caia en pouco tempo, cousa dunha xeración, ata un uso de entre o 10-15% da poboación. Non hai espazo nin tempo para meterme aquí a comentar o libro enteiro, pero si cito algunha frase, todas dun mesmo parágrafo, que me fixo facer a conexión entre a resposta a Begasa e o tratamento que di Sarille do galego, amén de en relación con outros temas que saen máis a miúdo no blog:
'Hai capacidade económica, pero as secuelas do atraso permanecen enquistadas na deficiente estruturación da sociedade galega'... 'Ademais a pouca conciencia do que significan a lei e as normas é un verdadeiro atranco'...'Estes son os principais problemas (...) despois da falta de compromiso (...)'.

Ningún comentario: