20080414

Falando


Vexo na prensa un titular: Marrocos plantéxase baixar o volumen dos muecíns por ser perxudicial para o turismo. Nótase que aquí somos 'máis civilizados': aproveitamos as procesións para o turismo e deixamos que os bispos cada vez falen máis alto.
Non era deso do que ía falar en principio, polo que cambio de tema. Antonte estiven falando cun amigo sobre o estudo encargado á Universidade de Santiago sobre as necesidades de persoal do Concello de Ribadeo. Para centrar a situación ós despistados, dicir que o alcalde ten encargado dito estudo e a nova negociación colectiva está á espera do resultado. Mentras, xa recibiu críticas do ex alcalde por estarse a retrasar na nova negociación. A lembrar que a volta pasada (no mandato pasado) que se produxo a negociación, un dos resultados foi o comezo de varios casos xudiciais. Visto o visto, non parece en absoluto mala idea facer un encargo externo para analizar a situación. Ata aí, estabamos de acordo. No que diferiamos era nas consecuencias prácticas. E é que un ditame técnico como o encargado é eso, técnico, e quen vai ordenar na práctica son os políticos. Por suposto, sempre é un arma a empregar para quen o coñece, e ó ser unha orientación para quen decide, supónse que será beneficioso. É dicir, é algo así como unha condición necesaria, pero non abonda. De calquera xeito, tamén pode levar a encarrilar de novo algo esquecido moitas veces nos concellos: o empregador é o pobo, e os postos deben axeitarse á demanda dos clientes, que tamén son o pobo, que é asemade quen paga. Todo, aínda que quen decida sexa o alcalde. Así as cousas, que pense o lector que variaría no organigrama de postos de traballo do concello: ó mellor era cousa de pasarllo á Universidade de Santiago como un xeito de participación popular no goberno, e mesmo un xeito suplementario de asegurarse os estudosos da universidade de que o que están a facer responde á realidade.

Ningún comentario: