20080423

Interrupción do embarazo? A xestación do plan urbanístico de Ribadeo, lista para interrupción


Onte xurdiu, de mans de UPRi, unha nova dúbida sobre o proceder do goberno municipal, como estaba anunciado e coas salvagardas que expresei no anterior post.
Di Francisco Rivas que non se entregou toda a documentación, en concreto, os planos de detalle dos núcleos rurais, escamoteándoos ó longo de todo o proceso, incluída aprobación inicial, e que iso trufa todo o procedemento administrativo, de xeito que habería que voltar a aprobar de xeito inicial o plan.
Vaiamos por partes. É certo que unha parte dos planos do PXOM, os que el di, foron colgados máis tarde na rede e incorporados máis tarde ó CD. Trátase da parte rural, aínda non tratada no blog, por falta de tempo e descoñecemento da maioría dos núcleos que recolle. É evidente que unha cousa así pode manexarse con dúas solucións que pide: o dar gratis novos discos a cambio dos vellos e unha ampliación suplementaria do prazo. Trataríase fundamentalmente dun novo erro máis de Eptisa, entre os moitos cometidos no tratamento do plan. Diso xa falei na 'introducción ó plan'.
Outra cousa ben diferente é que faltara ese conxunto de planos ós encargados da aprobación inicial, despois de ter ido Á Coruña varias veces a consultalo de man da empresa e un proceso de estudo no que se supón que tiveron a posibilidade (e aproveitárona) de consultar a especialistas, incluído o persoal técnico do concello. De faltar aí, coido que hai unha responsabilidade de tódolos membros da corporación (en particular do alcalde, por suposto) pois aparte da posibilidade de neglixencia de Eptisa estaría a neglixencia dos edís na revisión de algo sobre o que non teñen por que ser especialistas pero si deben procurar asesoramento. É dicir, estariase ante algo que podería ir ó xulgado para dilucidar que pasou e dirimir responsabilidades. Incluído o tema do envío da documentación á Xunta de Galicia: foi enviada toda a documentación á Xunta para o seu plácet? Pide Francisco a renovación da aprobación inicial e volta a comezar o proceso. Entendo que para eso tería que darse un paso antes, a non aprobación final do plan no consistorio. Se non, entendo que a interrupción do camiño administrativo só se podería dar no xulgado.
O plano que ilustra hoxe a entrada non está posto porque falte unha casa feita dende hai anos xusto no centro da beira inferior, na parte exterior da curva que fai a estrada, senón porque foi moi aproximadamente un dos que empregou Francisco para amosar o perxuízo ós veciños: este plano (1:2000), que non ía no CD vendido de xeito inicial, tiña a zona cuberta por outro con menos detalle (1:10000), no que por exemplo, non se ve que a estrada ten unha zona adicada de 16 m, o que inflúe no futuro das construccións aledañas.
A polémica está servida, pero unha acusación así, de ocultación de información, non debera de quedar en sinxela comidilla de prensa, tanto se 'hai algo' como se 'non hai nada' (máis ou menos, a postura dende a alcaldía, que non teño tempo de expoñer agora). Non estamos ante 'acusacións de tinte político', senón ante a interferencia nun proceso de decisión que condicionará a vida de Ribadeo en décadas.

Ningún comentario: