20080512
Comezando a protesta
Está visto, ás veces acumúlanse as cousas e hai que elixir. Neste caso, PXOM e luz quedan momentáneamente detrás da protesta contra a nave na ría de Ribadeo, un proxecto que hai pouco parecería inconcebible.
Mentras, é cousa de dar agradecementos, xa que a ría non pode dalos de palabra (é agradecida de obra, diso non me cabe dúbida). Hai que dalos pola xente que ofrece apoio, que da ánimos, que ofrece cartos para a loita, mesmo que oferta atarse ás máquinas no caso de que cheguen a comezar a funcionar para facer a nave. Mais, unha cousa son as verbas ofertadas e outra o plasmalas na realidade. De pronto, mañá hai unha cacerolada. Poderanse contar as persoas cos dedos dunha man ou haberá que empregar mans e pés de varias? É dicir, visto o que pensa a xente, dará o paso de dar a cara polo que pensa? Esperará para a próxima vez?
Os partidos políticos, de pronto, mañá teñen unha cita que terán que empregar para ver a súa postura e contestar o luns no pleno á pregunta que lles fai O Tesón: que pensan sobre a nave?
Mentras, algún político parece que se pon nervioso pola 'intromisión' dos veciños en temas que quererían para eles sós, esquecendo que só son representantes temporais para xestión dunha realidade que nos pertence a todos.
Coido que a nave require atención inmediata (a ser posible, descoidando o mínimo outros temas como os ditos ó comezo) porque a súa construcción marcaría unha especie de punto de non retorno tanto no coidado da ría de Ribadeo como na relación (mellor, falta de relacón) entre cidadáns e políticos. Marcaría a certificación de que os políticos non responden ós intereses dos cidadáns, senón a outros diferentes, e abriría as portas para que tanto na zona asturiana como na nosa non houbera medida no mal que se lle poidera facer á ría.
Parece que polo momento os políticos din con boca uns mais grande, outros máis pequena, que hai que esperar ó que di portos, aínda que de entrada non. Despois da experiencia do último recheo, confianza, moi pouca. Para min, Portos xa falou antes e certificou o falado coa publicación no DOG da apertura de prazo para a adxudicación administrativa. A cousa acabará indo máis aló dos partidos locais: xa o foi coa petición do Principado para ter unha información que polo momento os veciños non temos.
Hoxe foi a festa das Cruces na Ponte. Pediríalle a xente á virxe das Virtudes as virtudes necesarias para ser merecedores da ría que temos?
Etiquetas:
Fotos Ribadeo,
Medio,
política,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Onte estiven preguntando aos rapaces que pasaban pola libraría si coñecian o que significaba a festa das cruces; a maioría desles poñían unha cara rara o falarlles dunha "batalla" contra os franceses.
¿Non sería acertado que desde os colexios, polo menos aos maiores, falarlles un pouco da historia de Ribadeo e nun día como o de onte levalos as cruces?
Pois si. De feito, no noso centro fixemos xa hai algúns anos un libro onde reflexaba diversas festas ribadenses, entre elas As Cruces. Aínda queda algún exemplar por se alguén está interesado nel. Asemade, pode consultarse en liña en varios lugares. O título: "As festas populares no entorno ribadense"
Publicar un comentario