20080505

De 'A cor púrpura' ó 'Club da calceta'

Hai xa anos que vin "El color púrpura" no cine. Lembrarei toda a vida cando lle din á protagonista "eres pobre, eres negra, eres mujer", para deixarlle ben clariño que está no fondo da escala social por eses tres conceptos, ordenados de menor a maior importancia, o derradeiro, remachando. Unha historia épica da superación dunha muller dende a nada á vida.
Onte tiven oportunidade de ver en Ribadeo a obra de teatro 'O Club da calceta', e polo momento non poño o díptico informativo: a carga in crescendo que destila ó longo de toda a obra representada non se queda reducida ós parágrafos informativos que serven de introducción. Nun auditorio Hernán Naval case mediado (pouco a pouco váise notando a labor de culturización teatral dos últimos representantes culturais do concello, alomenos por cousas como o número de espectadores), a xente rematou de pé (tardiamente, o que fixo que non se notara nos saúdas das actrices) despois de ver e pasalo ben cunha obra que parece que chegou ó fondo da cabeza e do corazón dos espectadores.
En fin, o teatro é teatro, e a vida, tamén e teatro. E estes días, coa televisión zumbando polo pobo na procura da información/noticia/comentario/... arredor de Calvo Sotelo, danse situacións algo teatrais. Por exemplo, a raíz do novo xentilicio (alomenos para min) escoitado pola tve1, ribadeño, que parece saído do inventor de palabras de Cela e que, se fai fortuna, pode chegar a substituír ó tradicional ribadense, do mesmo xeito que a xa vella competencia entre lucense e lugués ten dado lugar a unha especie de guerra civil de verbas. Queda clara tamén a promoción que se fai de Ribadeo, lembrando o alcalde o nome de Augas Santas por riba de As Catedrais, dando pé a que quede Calvo Sotelo como inventor da nova denominación pero sen perder a vella, e actuando ambas de reclamo turístico. Calvo Sotelo será enterrado hoxe pola tarde en Ribadeo. Ninguén dubida que estáse mellor aquí que en Madrid.

Ningún comentario: