Cando se estuda ós seres vivos, soe comezarse pola descrición do seu ciclo vital. De xeito básico, nacen, medran, aliméntanse, reprodúcense e morren. O ciclo pode cortarse en calquera momento debido a causas diversas. Estámolo vendo tódolos días coa xente, vendo a incidencia dos accidentes nese ciclo vital, ou mesmo a diferente taxa de desgaste no vivir, que leva a rematar a vida antes a uns que a outros.
Hai pouco vimos como as circunstancias asemellaban máis ó noso IES Porta da Auga a un ser vivo, con tódalas súas propiedades. Un ser vivo do que formamos parte polo momento, a modo de células que constitúen estruturas superiores, órganos, sistemas, ... que conforman a totalidade.
O IES naceu na década dos setenta; aínda non hai tanto que se celebraron os seus primeiros vintecinco anos, e vai morrer a data case fixa máis ou menos coa idade de Xesús, eses incertos 33 que se lle atribúen e que de axustarse á realidade, farían cambiar a data do calendario que usamos.
O caso é que naceu por decreto ministerial, e medrou. Medrou moito dende o primiero grupiño de alumnos e profesores (e alumnas e profesoras), diversificando a formación que se impartia, mutando, e no camiño, tamén perdendo parte das súas posibilidades como as persoas que nos facemos maiores tamén imos perdendo parte das nosas posibilidades no camiño, ou como cando temos un accidente e de pronto nos vemos impedidos de xeito temporal ou definitivo nalgunha das nosas funcións. Así pasou cando de pronto, por imperativo externo o centro quedou sen rama sanitaria, ou cando un pequeno impedimento fixo que os estudantes non poideran acceder a determinadas carreiras como saída. No medio, tamén podemos facer unha comparación con aqueles animais que sufren unha transformación imprevisible, que parece truncar o seu crecemento para pasar á vida adulta a traverso dunha crisálida: o centro sufriu unha transformación algo parella cando se implantou a reforma educativa, pasando a ter unha situación anómala varios cursos ata renacer cunhas ensinanzas diferentes, mesmo cunha estrutura interna diversa da que tiña antes do cambio. Crisálida ou rito de iniciación forzado para a vida adulta? Non sei, pero de calquera xeito, situación nova e desafiante da que o centro saiu fortalecido. Mentras, os diversos nomes que foi tendo foron deixando constancia dese medrar e variar. E a variación do número relativo de actividades ou o tipo das mesmas, ou mesmo a variación de relacións no centro foron asemade deixando constancia do envellecemento de parte das células-profesores ou da renovación contínua doutras, células-alumnos.
En fin, o centro alimentouse continuamente. Non só de novos alumnos, senón tamén profesores. E non só deles, senón tamén asimilou unha parte dos niveis de ensino do colexio público. E, noutras esferas, consumiu grandes cantidades de diferentes materiais. E segue a consumir.
O IES tamén tivo unha especie de reproducción. E non só unha vez. Hai xa tempo que, por exemplo, foi segregado da tutela do IES un novo centro, o da Pontenova. E, nunha segregación diferente, sufriu unha mitose dando lugar a dous centros, un que seguiu co nome anterior, IES Porta da Auga, e outro, co mesmo apelido, da mesma familia, pero que recibiu o nome de CIFP Porta da Auga.
Agora, o ciclo vital dunha desas entidades post-mitose cérrase por mandato desa especie de deus dos centros educativos que é a Consellería de Educación, da mesma estirpe de deuses dese Olimpo particular que o Ministerio de Educación que lle deu vida. O xeito en que está previsto que se remate o IES, a data fixada, parecería máis un axustizamento que unha morte natural. Pero, no universo vital dos centros educativos, non todo pode asemellarse a unha vida humana como a concebimos nós. Por exemplo, parecería que tiveran algo de razón os budistas cunha rolda cósmica particular na que o centro se reenxendraría noutro novo, o IES de Ribadeo, no que tería que convivir nun mesmo corpo o esprito do Porta da Auga con outro dun ser en principio estrano a el (como el o é para o outro), co do IES Dionisio Gamallo.
Ó tempo, aquí é onde entraría o que poderiamos chamar vida despois da morte. O 'máis aló' do IES Porta da Auga, nun limbo/ceo/inferno compartido onde a opción concreta do trío presentado non se coñece previamente, senon que irase construíndo pouquiño a pouco. Coñecer ó outro (ten revista a modo desta que tes nas mans?), ver os novos retos como novas oportunidades, o confiar e construír conxuntamente, poden levar a unha especie de ceo no que haxa abondo espazo para todos, sen verse constrinxidos a aulas minúsculas ó tempo que a non ter necesidade de elixir previamente opcións de formación porque non hai xente para ofertalas todas. Por desgraza, as oportunidades poden converterse en problemas se se actúa de xeito negativo. Os IES teñen experiencia formativa e educativa. Esperemos que a nova vida dentro de dous anos nos sirva a todos para sacar partido das novas circunstancias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario