20080507

Obscuridade na ría


- artigo enviado para a súa publicación nos xornais -
Obscuridade na ría
Coido que é unha obviedade dicir que a auga constitúe a parte básica da ría, sexa a ría de Ribadeo ou calquera outra. E, para quen pasara aquí algún tempo, poñamos máis de dous anos, tamén será unha obviedade que estaśe a reducir o espazo ocupado pola auga, mesmo privatizando algo que é de todos. Dous anos, pois ese foi o período que transcorreu dende a ampliación norte do peirao de Mirasol, é dicir, do último recheo polo momento. Naquel intre, para minimizar o impacto producido na opinión do pobo, unha das cousas que dixo a xente de Portos de Galicia foi que non se ían a construír naves no recheo. Quenes nos opuxemos a que se fixera tíñamos claro que eso era unha escusa, totalmente insuficiente polo demáis. Pero non esperabamos que o dito se vira quebrado en tan pouco tempo, pouco máis do que tardou a cabeza municipal en esquecer o ir de estandarte nunha manifestación contra o recheo.
A cousa é que outra vez nos volvemos a ver cunha imposición de Portos de Galicia, escenificada do xeito ó que nos ten afeitos: silencio e obscurantismo mentras se coce a idea correspondente, de xeito que oficialmente non hai nada, porque 'os papeis' non se deixan distribuír. Os contactos existentes, dun xeito ou outro, fíltranse, pero como 'non hai nada', non se pode facer nada sólido en contra, como non sexa facer comentarios públicos pouco máis que dando golpes de cego. Nun momento dado, pásase á acción. Entón xurde un papel oficial, un documento, unha publicación no DOG do 29 de abril neste caso, no que aínda con ocultacións fundamentais, o proxecto cobra vida dun xeito xa maduro, a modo de imposición. É entón cando se concerta unha visita explicativa do proxecto, para iso, para explicar que se vai facer, o que se vai impoñer. Nesa fase estamos, e as fases seguintes poden ser tan predicibles como ata o momento. Non se trata nin tan siquera do vello dito de 'prometer e prometer ata meter, e unha volta metido, esquecer o prometido', senón dunha violación. O que se podería chamar violación da soberanía popular por aprte dun ente que tería que ser público e autónomo, pero é autónomo e máis de xestión empresarial que de servizo público.
O que saiu no DOG foi o aviso de que estaba pedida a concesión administrativa para a construcción dunha terminal cuberta de carga, descarga e almacenamento. Atención, non só carga/descarga, senón tamén liberación de espazo de almacenamento á empresa correspondente. Seguindo a lexislación, fáise necesaria unha concorrencia, por se lle interesa a outra empresa facer o mesmo. É dicir, non se da a coñecer o proxecto, senón que se pide saber por parte de Portos se alguén quere o terreo para/da máis por facer outras cousas iguais ou semellantes. Quede claro que é Portos quen quere saber. E que e Portos quen adxudica o tema. Pero 'o tema', a nave, xa está visto para sentencia: algo así como 'se alguén está disposta a facela, non hai problema, faise'.
Quedan cousas menores: non ter moi mala prensa por eso de que o bonito cocho non deixa de ser unha bonita cochambre, non ter moi enfronte os poderes políticos porque sempre poden salvarlle a un o cú, e cousas polo estilo.
No momento no que escribo, e ata que se publique, poden ter cambiado algunhas cousas, pero dubido que sexan cousas importantes. Posiblemente terá tido xa lugar unha mesa redonda no pobo. Pero, haberase xa enviado o tema ó xulgado para deter a portos? Haberá tido xa algún efecto a petición de documentación por parte do Principado? (Por certo, compañeiro de viaxe interesado contra o galpón).
Coido que me intriga máis outro sub-tema: os catro partidos políticos presentes no consistorio ribadense, teránse xa definido por escrito, de xeito constrastable, sobre que opinan do galpón? É certo que 'non hai papeis', pero si hai retazos de información, coido que abondos: altura, extensión en terra e na ría de Ribadeo (no 'Mar Cantábrico', se nos atemos á cartelería de Portos á entrada do peirao), pilastras na ría, estimación dos traballadores que serán necesarios e número de traballadores actual do Parador, variación dos tesóns nos últimos anos, ancho da canle de manobra e atraque en toda a fronte do peirao, meses que pasou a draga pola viciñanza, ... É dicir, se non hai unha declaración precisa, un compromiso claro, é sinxelamente porque non se quere dar nin unha posta de condicións.
... Claro que, a menos dunha semana da visita do representante de Portos á alcaldía, ocórreseme que a verxa do porto de Mirasol pode cerrarse en pouquiño tempo, a pesar da desfeita na que se convertiu, deixando sen un vial necesario ó pobo. Mentras, a xente de a pé quedariamos sen outro sitio onde meter o pé (que non a zoca), mirando máis para asuntos como a estatua do Marqués de Sargadelos ou as paredes verticais que emparedan algunhas rúas e menos para as augas dunha ría que xa estiveron abondo máis limpas e achegadas ó pobo.
Antonio Gregorio Montes
* Unha nota fóra de escrito: Remato de recibir un correo que apunta como o mellor monumento a Calvo Sotelo o 'non levantar o famoso tinglado do porto; de seguro que onde esté poñerase máis contento que cunha estatua'. Para pensalo.
** Escóitase treboar en Ribadeo.

Ningún comentario: