Un par de feitos, unha especie de desafío político ás asociacións de veciños de Ribadeo a semana pasada, e a opinión do presidente bretón do comité de irmanamento con Galicia achacando ós comités galegos demasiada politización, fixéronme pensar.
O primeiro, que se debe ós actuais políticos de Ribadeo, comezando polo alcalde, a seriedade nos plenos, non equiparables sen ir máis lonxe ós do mandato anterior. comentáballo a un político local: pode que non sexa visible por todos os cidadáns que se perden a asistencia a eses momentos de decisión, pero só pensando en como os periodistas teñen que variar o seu humor ó asistir e logo o traducirán ó transcribir as novas, coido que xa pagou a pena ese cambio.
Cambio que é un dos que se está a observar e que están permitindo ós partidos, moi pouco a pouco (pois a cousa é lenta), recuperar algo da credibilidade perdida. A todos. Mesmo o que poderiamos chamar 'boas accións' duns afectan a que mellore a credibilidade dos outros.
Credibilidade que afecta a uns máis que a outros, pero que remata afectando ó sistema, o que é malo para todos porque con algo no que non crees é difícil colaborar. E sen colaboración dos cidadáns, a estrutura vénse abaixo ou fai augas por tódolos sitios.
Estamos acadando a perfección? Conformémonos con que o día a día vaia mellorando: ninguén é perfecto, pero quen intenta mellorar merece respeto. E colaboración. Xa sabemos que tódolos pasos non var ser cara adiante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario