20080504

A ver se me engano

Pode resultar inconvinte, pouco político, manter determinadas opinións, e máis en momentos concretos. Decátome delo con certa frecuencia, e, ó tempo, paréceme que é necesario o facelo así, que esas opinións, se un cre nelas, hai que mantelas sobre todo neses períodos de máis inconveniencia. Hoxe pode ser un deses días de máis inconveniencia.
Onte pola tarde correu a voz da desaparición de Leopoldo Calvo Sotelo, q.e.p.d., e este mañá, o primeiro que vexo nas novas é: "El protagonismo de Ribadeo causaba sorpresa en algunos políticos. En una ocasión el ex regidor de Vilalba preguntó al presidente provincial, el focense Luis Cordeiro, qué pasaba con Ribadeo: «Ustedes también tuvieron a Fraga», le respondió." Ou un título: 'Un ribadense de primera categoría' (é evidente logo que os hai -ou os habemos- de segunda). Parece evidente que a redacción pretende deixar ver o que Calvo Sotelo fixo por Ribadeo, pero tamén a súa actuación de discriminación a favor do povo deixa asomar un caciquismo da España profunda (e a relación entre figuras e estruturas xa da época democrática con outras máis da época da ditadura) que evidentemente tiña que perxudicar a outros que estiveran enfrente.
Para máis ilustración sobre o tema do cacique (a notar na ligazón anterior que fala de cacique como termo decimonónico e eu estouno a aplicar no século XXI) hai unha morea de literatura. Por exemplo, "O catecismo do labrego", ó pouco de comezar a súa primeira parte, fala de cacique, alcalde e secretario. Pode que haxa que distinguir entre caciques e entre cacicadas, ou poñerse a pensar que determinadas instancias ribadenses xa non van ter (ou si van seguir tendo) unha agarradeira en Madrid, o cal pode ser de lamentar nas liortas que alí se orixinen (ou permitirá solucionalas máis segundo o xeito e intereses de aquí e menos de alí). É dicir, o mesmo que antes da revolución francesa podía haber reis ilustrados e relativamente benévolos para o pobo, tamén pode darse o caso no tema dos caciques. Pero eso non impide que nun caso foran chamados reis e noutro, caciques.
Tres días de luto oficial do concello e capela ardente no salón de sesións non fan senón manifestar o poder de Calvo Sotelo en Ribadeo -luto e poder que non se deixou ver por variacións na movida nouturna, se non foi, en tal caso, por celebrarse se cabe algo máis que outros días-. E as frases 'Quen ó seu pobo honra merece a honra do seu pobo' e 'En gratitude pola súa labor de apoio a este concello desde todos os altos cargos que ostentou', na súa lembranza e como explicación do título honorífico como fillo ribadense, van no mesmo senso, pero cunha diferenciación: o poder usado 'para' o pobo. Neste sentido, e misturando actuacións de diverso tipo, consecuencias e ámbito, cabe lembrar que o golpe de estado de Tejero e cia prodúxose contra o seu goberno (ou contra a democracia no seu goberno), que a Ponte dos Santos é froito do seu último Consello de Ministros como presidente (Fraga deixounos a piscifactoría Cascos), que os cartos de reparación da capela da Virxe do Camiño conseguíronse ó seu través (ás veces confundo as cousas, e coido que é neste caso onde hai quen di que os puxo el do seu peto), etc, un et caetera no que vai incluída a polémica polo Marquesado da ría de Ribadeo, para el creado.
Coido que toda persoa, cando morre, é acreedora de recoñecemento como tal. A vida pode ser dura, moito, e son as cualidades humanas as que coido que deben de contar máis, se non de xeito único. Neste senso, recollo as verbas de Eduardo Gutiérrez, exalcalde, que recomenda o seu libro 'Pláticas de familia' (que teño, pero que non lin enteiro, e do que teño escoitado falar tanto moi ben como moi mal). Recomendación que adoito ó ver que no xornal as súas verbas son recollidas coa introducción de 'destaque do perfil humano', mentras que para min tenta a procura dun equilibrio mesurado. E tamén as do actual Alcalde, Fernando Suárez, 'débeselle facer un recoñecemento público, como mostra dun agradecemento a un ribadense máis'. É dicir, contra o titular xornalístico, Calvo Sotelo podería ser considerado un 'primus', si, pero 'inter pares'. Con tódalas virtudes e vicios que tivera, só unha persoa, aínda que máis notoria que outras.
En Ribadeo coido que se sentía ben, víase. E en Ribadeo vai quedar para sempre.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Moi bo resumo Antonio.
Miña opinion difire, nembargantes e certo que aconsello ler ese libro. E tamén o seu anterior libro, Memoria viva de la Transición. O mellor deles e leelos varias veces e ler entre liñas.

Está a encantarme a pelota que lle están a facer en Ribadeo. E un feito que moitas cousas malas non foron culpa del, senon culpa dos pelotas de caciques que hay en Ribadeo, aspirantes a ser algo e que só son iso, uns pelotas.

Co de Leopoldo, quen me dera que este pobo fora tan xeitoso e tan típico e tan mariñeiro e tan repoludo como din os medios que é

Isto esta cheo de cocafariña e ruido, sorte que inda queda un anaco de mar e de fragas.