20080625
Chegou o verán, e con el...
... de novo as xornadas de medio ambiente de Ribadeo. Prazo de inscrición ata o 11 de xullo, data de xuntanza dos alcaldes dos concellos da Biosfera. Realización, do 14 ó 17. Temática preferente para este ano, 'O camiño para o desenvolvemento sustentable da Mariña Lucense'. E, no medio, o xa longo debate iniciado polas novas agresións na ría de Ribadeo. Non sei o programa, que non está colgado na vella web do concello, nin mo enviaron, pero tentarei ir esta mesma mañá polo concello para recollelo, se están os folletos. Por certo, o congreso está adicado á memoria de Calvo Sotelo, Marqués da ría de Ribadeo.
Hoxe hai unha nova na prensa cun titular típico: 'El concello de Ribadeo elaborará un plan de regulación de tráfico para beneficiar al comercio local'. Vale, xa temos a mistura dun nome en galego nunha frase en castelán. Pero sobre todo, temos que o beneficiario será de novo o comercio: os veciños parece que teremos que emigrar. Supoñamos mellor que os veciños seremos beneficiarios subsidiarios. A cousa tratarase nun pleno especial mañá (en principio estaba pensada a xuntanza de explicación de actuacións do alcalde para mañá pero trasladouse ó próximo xoves) no que se tratará o marco de colaboración co Centro Comercial Aberto, e virá acompañado coa creación dunha plataforma loxística de carga e descarga: algo tratado hai tempo e non realizado, e que ademáis, me estrana que sexa tratado dentro dun convenio deste tipo, no que o concello poñerá 54000 € ó que parece, descoñecendo a aposta de ACISA, pero para levar adiante algo como o anunciado, coido que haberá que procurar máis financiación. Veremos.
Tráeme o anterior á memoria o que está costando poñer en marcha de novo a Mesa de asociacións despois da época Balbino e 'póñenseme os dentes longos' de sana envidia pensando no que poden facer os veciños organizados. Longo camiño queda. Despois da primeira xuntanza da Mesa de Asociacións co alcalde, ese camiño débese recorrer: pola súa parte, non parece que vaia quedar.
No pleno de mañá tratarase tamén unha cuestión que ten que quedar aprobada por unanimidade: a integración na Rede Galega de Concellos pola Sustentabilidade. Unha aposta sustentábel debe ser unha aposta unánime. Se non, será imposible levala adiante. Pero é máis doado de votar que de manter. Ogallá se vote: será un paso que logo haberá que lembrar, e en Ribadeo estamos recobrando a confianza en que o que se di, remate cumpríndose (aínda que ás veces se poda desesperar antes). Aí están as obras nas casas antigas, xa comezadas, que costou poñelas en marcha e quedan outras por poñer a andar, pero comezaron da man do concelo. Á beira, a mostra na 'Casa dos Perecitos'
Hoxe van dúas fotos máis. Unha, con Ribadeo ó fondo, dende o 'mirador' do faro cara a Ribadeo, ó fondo: a mantebilidade dunha vila aínda queda lonxe. A outra, ten xa medio mes: un detalle do Xardín de Sela, con grixo polo medio. Coido que xa dixen nun post anterior que coidaba que levaba demasiado cemento. Sigo a pensar o mesmo.
Etiquetas:
ACISA,
Fotos Ribadeo,
Medio,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario