20080607
De rías e xentes
Pódese comparar a ría de Bilbao coa ría de Ribadeo? Quita de aí!.
Por desgraza e ata o presente, unha semellanza comparativa se podería dar tamén coas xentes que poboamos a ría de Ribadeo e algúns outros conxuntos poboacionais. Sen querer dicir por eso que sexamos peores (ou mellores), pois todos somos primeiramente persoas, e na multiplicide de aspectos nos que se poden comparar as persoas, nuns sairemos ganando, pero noutros, perdendo. O caso é que as xentes da ría sempre tiveron rivalidade. Non só entre beiras, senón mesmo dentro dunha beira entre poboacións. Lémbrome con certa frecuencia de aquelo de 'Castropol, corral de vacas, As Figueiras, de Cabritos, A Veiga, de lacazáns, e Ribadeo, de señoritos'. Supoño que nos outros pobos terán ditos parellos a o mentado de Ribadeo (que por certo, non deixa ben parados a ningń dos pobos, nin a Ribadeo, se comparamos polo miúdo o que é un lacazán e o que é un señorito). Por suposto non deixo de lembrarme da polémica sobre o nome da ría de Ribadeo, enxendrada polo Eo o mesmo que lle pasa ó extremo sur, onde leva o nome de ría de Abres, homónimo daquela poboación. Esas controversias e rivalidades van seguir existindo (a última fase ata o momento pode verse hoxe mesmo no blog Vida político-social de Ribadeo). Por sorte, parece que se ven cada vez máis compensadas por colaboracións e sinerxias. Así sucede co caso da nave no peirao de Mirasol, onde pode que a postura máis efectiva non sexan as declaracións do concello de Ribadeo, nin a cacerolada ou a forte oposición dos veciños, senón a clara oposición do goberno asturiano (aínda que esteña trufada de entendementos coa Xunta e tintes políticos diversos).
Así, na última xuntanza mantida para tentar que a xente non se desmobilice crendo que xa está resolto que a nave non se vai construír (cando na realidade o que está claro é que non se avanzou na resolución do tema polo momento, á espera de prazos administrativos), apareceu un tema tamén relacionado co medio ambiente, pero esta volta na parte asturiana. Menos impactante, pero tema ó fin que xa deixei dito que podería servir ata de moeda de cambio entre os gobernos autonómicos. Respecto a isto, o primeiro é aclarar algo do que puxen nas entradas que remato de ligar: trátase dunha nave no porto da Veiga. Porto que está encadrado dentro dos límites territoriais do concello de Castropol, que chega ata pola parte sur da vía do ferrocarril ó atravesar a ría. Por iso as cartas están dirixidas ó Concello de Castropol e non ó da Veiga.
Tampouco se aclara moi ben a súa posición. Coido que a imaxe, capturada dende o Sigpac, é abondo ilustrativa do tema. Aparece a súa posición de xeito aproximado, e tamén a súa extensión, redondeando, uns 2000m2. Cunha altura duns 10-12m, que a fan equiparable a unha nave algo maior que a maior das actuais no porto de Ribadeo (ver a outra captura, onde se ve que a superficie da maior nave do porto ribadense é algo menor en extensión. Por certo, a falta de actualización do Sigpac permete o ver o porto como hai uns anos, sen o último recheo ata a actualidade). Todo o que se ve na imaxe, á parte dereita da ría, é concello de Castropol, aínda que case quede na núcleo urbán da Veiga. Na toma tamén se pode observar a filigrana que forma a outra beira da ría, xa en Galicia, e que foi tentada fixar con empalizadas hai xa moito tempo. O caso é que agora a protección medioambiental abrangue da estrada á auga, e o porto estaría dentro desa zona de protección. Ata que punto por ser porto? Non mete piares na auga, pero o certo é que esa zona na actualidade de industrial ten pouco, e menos de zona de vivendas. Engádase ó anterior que se lle atribúe o alcalde castropolense 'se hai que dragar, drágase' (o que si entraría en zona protexida, e que sería normal, dado que se pretende a construcción de barcos de ata 35m de eslora), e xa temos o problema que están a combatir Adega e Jesús Estébanez: ó fin, para iso están a facer unha draga para a ría en Navia (igual que por aquí xa houbo unha 'Nalona', chamaranlle a ista nova 'Ribadense' ou 'Eoña'?). Vexo un problema engadido: a defensa de Adega pode ser usada políticamente no principado como unha inxerencia galega/dos poderes galegos (lémbrome como, na manifestación dontra a mina de ouro en serantes, o alcalde de Tapia, referíndose a min dixo algo así como 'non fai falla que nos veñan salvar os galegos')
O caso é que uns e outros estamos a facer unha enchente da ría. Nas novas, si, pero por desgraza sobre todo no seu volume físico. Aínda que de diferente tamaño, dous galpóns, peiraos, embarcadoiros, recheos (só para lembranza, o último recheo de Ribadeo foron 8000m2, e o anterior, 20000m2 sobre unha extensión total da ría de Ribadeo duns 8,5km2, ou sexa, 8500000m2), ... cando dende hai anos está en programas políticos o de 'nin unha pedra máis na ría'.
Que podemos engadir? Que se fala asemade ('corren rumores') de que Castropol-concello-alcalde vería ben un fondeadeiro na enseada de Vilavedelle (Seares)?. Coido que é preferible insistir en que na actualidade a sensibilización social sobre as agresións á ría é moi forte (algo que se nota cando te preguntan pola rúa sobre o tema), e que iso é un factor de unión, por exemplo, para pedir xa un Plan de Ordenación de Recursos Naturais para a ría. Hoxe hai xuntanza de alcaldes da Reserva da Biosfera con motivo da Silvallana, na Veiga. Ocorreráselle a algún deles o poñer en marcha a burocracia para levar adiante o plan?
Etiquetas:
Medio
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario