20080617

Enfilando o verán

Este ano, o verán comeza ó rematar os exames de selectividade. E istos comezan mañá. Un ano máis o san Xoán, coas súas fogueiras para apuntalar o Sol en retroceso, vai retrasado respecto do comezo natural da estación un par de días. Ocorre tódolos anos.
As novas ó finalizar a primavera e comezar o verán, non, cada ano son 'novas'. Este ano está a morte de Rafael del Pino, outra persoa VIP con relacións con Ribadeo, un par de meses despois de Calvo Sotelo. Por certo, que parece que o monumento homenaxe a Calvo Sotelo vai adiante.
No medio, Ribadeo pouco a pouco, móvese. Así o amosa a seguinte nota de prensa:
"

Comunicado de Prensa

Ribadeo, 09/06/2008


A AAVV O Tesón e a Plataforma pola defensa da Ría, preocupados pola percepción pública das informacións sobre o galpón proxectado no porto comercial de Ribadeo,


1º Queremos sair ao paso da manipulación informativa que está dando pé a crer que o proxecto de galpón está suspendido pola Xunta de Galicia. Debemos subliñar que a realidade é exactamente a contraria. Non existe nengunha declaración autorizada das autoridades portuarias, da conselería da que depende ou de Presidencia da Xunta de Galicia, que permitan albiscar unha suspensión do proxecto. Mais ben ao contrario, existen probas evidentes de que a Presidencia de Portos segue movendo as suas influencias para conseguir levar adiante o seu proxecto, cun interese puramente especulativo do espazo portuario.


2º Estamos preparando unha campaña informativa e de movilización veciñal, para deixar ben sentada a oposición dos veciños a este proxecto e a calqueira outro que supoña o deterioro progresivo da Ría de Ribadeo e dos seus valores biolóxicos, paisaxísticos e humanos en xeral. Neste senso estamos preparando unha manifestación veciñal para mediados de xullo da que daremos conta no seu momento.


3º Facemos unha chamada a tódalas asociacions culturais, sociais e veciñais de Ribadeo, Castropol e a Veiga para que se sumen a esta protesta, suliñando que a calada sempre será interpretada pola Xunta de Galicia como unha aceptación do seu proxecto.


4º Denunciamos que o Concello de Castropol e o Goberno do Principado proxectan un novo asteleiro para embarcacions deportivas, no porto de A Veiga, cunha nave de grandes dimensions e un impacto considerable no medio ambiente. Suliñamos que este proxecto podería instalarse no Polígono Industrial de Barres sen maiores dificultades. Cabe dicir que non é o único proxecto que nestes momentos está a penalizar a nosa ría.


5º Insistimos, máis unha vez, que a ría está condenada ao deterioro progresivo, mentras non se aprobe un Plan de Ordenación dos Recursos Naturais, como esixe a lei 4/89 do Estado Español de “Protección de los Espacios Naturales y de la Fauna y Flora Silvestre”. Dacordo con esta lei, que logo cumprirá 20 anos sen ser aplicada, este plan de ordenación debe regular os aspectos medioambientais, culturais e paisaxísticos a protexer e as normas de obligado cumplimento para todo tipo de proxectos, ademais de integrar actividades económicas, extractivas, de lecer, etc. A Xunta de Galicia, o Principado de Asturias, a Dirección Xeral para a Biodiversidade (antigo ICONA), así como os concellos colindantes, son organismos que poden iniciar os trámites para a redacción deste plan de protección. Polo tanto son os responsables, cada un na sua medida, de que levemos cáseque vinte anos de retraso sen nengunha norma de protección do espacio natural da Ría de Ribadeo. Por iso, reclamamos a posta en marcha sin dilación do Plan de Ordenación de Recursos Naturais da Ría"


E é que parece que hai moita xente que se pensa que está ganado o que non se constrúa a nave de Mirasol. Pero non é certo. Polo momento, os trámites seguen como se nada tivera ocorrido. Así que, na nova estación, seguirá a ser noticia. Máis ben, a oposición a ela, que xa se ve os de Portos de Galicia cando atopan oposición non se prodigan en novas ata que xa están as cousas feitas.
Todo o contrario, o de ser noticia, do que ocorrirá aparentemente co paro da flota, pois os asturianos xa voltaron a faenar. E tamén, do aparcamento subterráneo (despois do tratado no pleno de xaneiro). Trae hoxe a prensa que patrimonio lle deu para atrás. E que polo tanto, é de esperar que esteñamos sen subterráneo abondos anos, se algunha vez se chega a facer.
Hai outra nova estes días que, a verdade, non creo que de moito que falar este verán, aínda que en parte se produce para eso, para propaganda: a existencia dunha Oficina do Deputado creada polo PP.
Máis cousas? Por suposto. Pero fronte á conservación da ría, xa se ve que ata as outras que se poden salientar son pequenas.

Ningún comentario: