20080616

Entre o Santo Antonio e o San Xoán

Despois de deixar un novo documento en Ribadeo historia, a Declaración de impacto ambiental do polígono industrial de Ribadeo (xerada en tan lonxana data como 2005), fíxome en que xa pasou o San Antonio, cos avisadores foguetes de Vilaselán, e que está a chegar o san Xoán, coas fogueiras. No medio, hoxe, día 16, hai un ano que entrou en funcións a actual corporación municipal, equipo de goberno, alcalde... co que se levan ido a cuarta parte dos días do seu mandato e é un momento para facer a revisión do ordeado dende entón. Unha revisión que se escapa dunha entrada diaria no blog coma ista, polo que mellor deixala para cada un. Iso si, lembrala, para que cada quen a faiga e vaia sumando ou restando, comparando con épocas anteriores e proxectando sobre un futuro con posibilidades (mellor que sobre as posibilidades de futuro). Gustaríame, iso si, deixar algunha orientación para a reflexión encargada.
A primeira ven de Europa.
O tratado da Unión, de novo rexeitado e do que xa se fala voltar a impoñelo por outra vía: o manexo do poder permite moitas veces, se non hai control abondo, situacións como isa, de repetición do mesmo contra o que quere o pobo, dunha e outra volta ata que se impón (ou segundo as versións, se 'mete dobrada') o que sexa a gusto dese poder. Da tamén o voto irlandés (ou antes o francés ou holandés, que non o español) a idea da forza que pode ter o asociacionismo en contra da estrutura da maioría dos partidos: en Irlanda só un partido do arco parlamentario apostou polo non. E tamén, de que en política con moi alta frecuencia as cousas non son como parecen: un non ó tratado non é un non a Europa, senón ó sometemento dos europeos a unha perda de poder direto e de dereitos diretos e indiretos. Estéñase ou non a favor do tratado, son 'vectores de pensamento' aplicables á política a tódolos niveis, incluído municipal, e incluída a súa aplicación en sistemas nos que aínda, despois de anos, non se está afeito a que o cidadán teña uns dereitos (acompañados dos correspondentes deberes) que se non se exercitan, esmorecen e rematan por perderse.
A segunda é unha idea hoxe sen foto (haberáas, pero dentro duns días) para centrar o pensamento en Ribadeo. Pode darse a reseña como título dunha nova entrada: "As beirarúas de Ribadeo: peonalización ou mesificación?". Coido que non é o problema máis importante que ten Ribadeo, senón un sinxelo aspecto menor do goberno, sobre o amaño das beirarúas para que queden peonís e logo que sexan ocupadas en boa parte por mesas dos locais de hostalería. Haberá quen esteña de acordo, haberá quen non o esteña, pero o alcalde xa falou en contestación á pregutna correspondente de O Tesón: a policía local informará. O seguemento do tema está en época: no verán é cando máis locen ou deslocen as terrazas sinxelamente porque é cando se poñen.
Teñamos un feliz cabodano.

Ningún comentario: