20080606

HAINA, here always there is alternative, tamén en Ribadeo

HAINA, here always there is alternative, tamén en Ribadeo
    Despois de escribir hai moito tempo xa un artigo titulado "Tina ataca de novo" (tamén aquí, o primeiro en dixital do artigo, agora en Internet Archive), sobre o que queren que pensemos e o que podemos pensar, mira por onde as novas lémbranme de outra vez o mesmo tema.
    Por unha beira, o mesmo día que se inicia a folga de transporte por carretera, unha alternativa: 200 persoas chegan mañá a Ribadeo na primeira remesa do turístico 'Transcantábrico'. Non importa que se prevea que os comercios de alimentación van ver as súas estanteráis vacías: resulta que hai alternativa.
    En plena visita ó Uruguai dunha 'delegación' mariñá, cos empresarios segundo din tentando rendabilizala, a alternativa é China, máis próxima pois váise a celebrar un par de seminarios na provincia sobre ese país grande en tamaño e inmenso en número de persoas. Eso si, a viaxe, despois da preparación. Para o Uruguai, todos sabemos que non se necesita preparación.
    Outra alternativa, desta volta á nave no porto de Ribadeo, preséntana unha decea de alcaldes asturianos (entre eles, Tapia, Taramundi e Castropol) para axudar a que Ence utilice o tren para enviar o seu produto vía Avilés. Non importa que resulte evidente máis dun punto negro no razoamento, como tratamos no blog con anterioridade, pois si hai alternativa.
    Tamén hai alternativa para o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, con titular que o dí ás claras: "Si las normas del hábitat afectan al empleo, se revisarán". está claro que hai alternativas á conservación do medio ambiente. A máis obvia, a súa destrucción.
    Un delfín vara en Barreiros... e hai alternativa, mesmo con rescate internacional e multilingüe.
    Non hai que esquecer, nesto das alternativas, que mentras unha nación conquistaba case toda América para facerse con riquezas, eran outras as beneficiarias desas riquezas en base ó seu traballo, coñecementos e comercio.
    Está visto que si hai alternativas. Viña esto a conto da ría, a súa conservación e as dúas naves, entre outras cousas, que se queren facer no seu entorno. E continuará, que a crónica de onte ten máis que dicir.

Ningún comentario: