20080620

O medio ambiente non será nova en Ribadeo


Diría que é o destino que nos agarda. Por saturación.
Onte saía na prensa que un segundo oso polar foi abatido en Islandia en poucos días, cando antes do aumento da taxa de cambio climática chegaba á illa un cada varios anos (a lembrar que chegan en bloques de xeo/icebergs). Tamén onte unha reportaxe daba conta das primeiras illas do Pacífico, de base coralina, asolagadas de xeito permanente polo mar e de que os habitantes do país correspondente, Kiribati, están tentando de que algún outro país os acolla, ó ver desaparecer o seu territorio baixo a auga. Son máis de 100.000 persoas, e o tema parece tomado da película Waterworld...
Pero iso queda moi lonxe. Aquí, levo varias semanas case de temática única medioambiental (nave de Mirasol, astaleiro na Veiga, ampliación peirao das Figueiras) que relegan outros temas actuais de Ribadeo como o PXOM, por exemplo, e atopo varias novas entre hoxe e onte para engrosar a temática da conservación do noso mundo actuando a escala das veciñanzas da nosa ría. Así, a queixa dos veciños dun barrio baixo (non por baixo do nivel do mar, como trae algunha prensa, pero si se atopa a cotas baixas de altura) que ven como as súas casas de asolagan pola construcción do polígono industrial da Veiga. Estaría iso previsto no plan de protección ambiental correspondente? Dubídoo.
Hoxe é a 'Xuntanza das Figueiras' na que se tratará entre representantes políticos asturianos e galegos a nave do porto de Mirasol. Logo haberá unha rolda de prensa coas conclusións. Quixera ir cunha pancarta, pero non pode ser, estarei lonxe. Un venres pola mañá non soe ser corrente que a xente dispoña de tempo para dicirlle ós políticos correspondentes (e por exemplo os conselleiros de Medio Ambiente son políticos aínda que teñan representación en relación á conservación do noso mundo) o que pensa, mentras que eles teñen tempo porque adícanse a esas cousas. Esa será a explicación de que ó mellor podan ter unha plácida xuntanza sen lembrar aspectos 'enoxosos', e non outra.
Onte tamén xurdiu na prensa galega a primeira noticia relacionada co tema ambiental na ampliación de Ence-Navia, directamente relacionada coa nave de Mirasol que argumentan é necesaria para dar saída a ise aumento de producción. Acusa unha asociación ecoloxista asturiana ó seu goberno de dar para adiante ó proxecto tendo informes medioambientais negativos, e din que parece que as normas asturianas ó respecto sexan máis relaxadas que as galegas. Ó fin, o aumento de Ence-Navia é consecuencia da desaparición de Ence-Pontevedra polas protestas que orixina debido á contaminación. Lembrarei toda a vida a primeira vez que pasei por Pontevedra en autobús, que me cadrou ir detrás do condutor e non me daba explicado como podía ter botado o bo do home tantos peidos e tan olorosos... e estou a falar de aló polo ano 1966 ou 1967.
E ímonos achegando á ría. Onte enviáronme fotos (vai só unha no blog) sobre a drenaxe que estaría a sufrir Penarronda estes días. Non sei a profundidade de impacto que van ter, pero a construcción de canles para a saída de auga da zona de marismas de Penarronda pódeas secar de xeito moi doado. Así, poderíamos ter un aparcamento nunha versión castropolense do recheo dos noventa en Ribadeo: coches si, ría non daquela (na realidade, o dos coches foi despois, cando non souberon que facer co recheo), e marismas non, coches si agora (aínda que o combustible se esteña poñendo polas nuves e haxa que controlar as viaxes que se fan xa por cuestión económica, non só medioambiental).

E máis achegado aínda. A subestación nova, que se pretende, crin que ía no polígono industrial. Craso erro. Vai en Folgosa (é dicir, no 'Ribadeo suburbano'). A poucos metros dalgunhas casas. Sego a manter que unha instalación así, de electricidade con baixa frecuencia, en xeral non necesitaría máis protección por tema de radiación que uns 50m. Onte fixéronme unha consulta relativa a iso, e foi máis ou menos o que dixen: sería abondo. Pero parece que a Xunta xa ten aprobada, sen publicar aínda no DOG, unha normativa de apartar as subestacións ata 2km (que atribúo a unha área de seguridade debida ós perigos asociados con lumes e cousas polo estilo, e que me comunicou onte a mesma persoa que me fixo a consulta), o que da pé a que se alguén ten unha casa na veciñanza non se sinta cómodo en absoluto cunha distancia de 50 ou 100m ás instalacións, contando coa ilegalidade que suporía. Con toda razón. Descoñezo o tema para entrar máis en profundidade, e aínda que eu coido que estaría tranquilo...
Así que, empacho de medio ambiente? é o que pasa cando nos estamos cargando este mundo no que vivimos.

Ningún comentario: