20080627

Que mala sorte!

Enténdaseme, non é que queira que perda a selección nacional (de fútbol, claro; ó 3-0 fóille rendido homenaxe aínda nas emisións francesas, por exemplo, sinal de que xogaron ben e o resultado foi merecido), pero non creo que fora en absoluto mala cousa. Dicían os romanos aquelo de 'panem et circenses', é dicir, 'comida e diversión', ou 'mantemento dun mínimo de supervivencia e distracción dos problemas reais'. E iso coido que é o que está a pasar. Pode que seguira a pasar aínda que perdera a selección contra Rusia, pero menos. Así o goberno ten uns días máis nos que as actuacións contra a crise, por exemplo, pasan a un segundo plano. E lembro que o de panem et circenses non foi popular en Roma ata que se chegou ó imperio e comezou o declive, comezando polo social. Ó pouco, continuaron o declive económico, político e de forza, chegou a inseguridade nos camiños e a desintegración social. Aí está a historia. España hai tempo que perdeu o seu imperio e que pasou por unha historia en certo xeito parella á mentada de Roma, polo que xa deberamos coñecer o tema e atallalo. Pero non. E non me refiro só a un resultado nun partido de fútbol concreto, aínda que sexa o que trouxo o tema a colación. Un titular de hoxe: 'Aburrimiento en verano, nunca', refírese non a que non sexa posible o aburremento, senón a que hai organizada diversión contínua. Aínda que despois haxa xente que diga que aborremento, intercambiando as verbas 'fastío' e 'aborremento'.
Pero voltemos a Ribadeo. Despois das dúas notas de prensa sobre a ría de Ribadeo e as actuacións para defendela, e sobre os cortes de luz que voltan a repetirse, coido que hai movemento abondo para contrarestar o de panem et circenses que dicía antes. Haberíao, pero 'queda aprazado o movemento ata despois de luns' a pesares das novas de prensa facéndose eco. A destacar o artigo de La Voz de Galicia sobre os cortes, con foto, impactante para quenes os coñecíamos, dos centenarios árbores da Pedro Murias tumbados a instancias de BeGaSA.
Poño a continuación o escrito do panfleto a repartir sobre as accións respecto da ría:
"
NON SE AMA O QUE NON SE COÑECE

EN DE DECEMBRO DE 1992 PUBLICAMOS UN ARTIGO DE PROTESTA POLO RECHEO DE 22.000 m2 DA ESCOLLEIRA RIBADENSE. ÍA ENCABEZADO POR UNHA VIÑETA DO MALOGRADO E ENTRAÑABLE AMIGO SUSO PEÑA QUE IRONIZABA SOBRE UNHA FUTURA RÍA DESECADA. HOXE, O RECHEO É POUCO MÁIS QUE UN SIMPLE APARCAMENTO.

NO MENCIONADO ARTIGO APARECÍAN ENTRECOMIÑADAS UNHAS VERBAS DO PROFESOR ISIDORO ASENSIO AMOR, DE QUEN RECORDAMOS EN BREVE CONVERSA AS SEGUINTES PALABRAS: "CREÍA QUE LOS RIBADENSES AMABAN LA RÍA".

DEZASEIS ANOS MÁIS TARDE E DESPOIS DE MÚLTIPLES RECHEOS E OBRAS, PORTOS DE GALICIA PRETENDE MONTAR EN FIGUEIRÚA UNHA GALPÓN QUE OCUPARÍA UNS 5000m2 CUNHA ALTURA EQUIVALENTE A MÁIS DE 8 PISOS. ESTA NAVE COBERTIZO PRECISA DE CIMENTACIÓN NA AUGA, NO MEDIO E MEDIO DO CANAL. E SE A ISTO LLE ENGADIMOS A PROLIFERACIÓN DE PROXECTOS DEGRADANTES NA BANDA DE ASTURIAS, COMO A NAVE QUE SE PRETENDE MONTAR NO CONCELLO DE CASTROPOL, NO "MUELLE NOVO" DA VEIGA, PODREMOS COMPROBAR QUE A RÍA SEGUE EN PERIGO E DESPROTEXIDA.

A CUESTIÓN E SE NOS ESTAMOS DISPOSTOS OU NON A CALAR E A DEIXAR QUE, HOXE CON ESTA OBRA, MAÑÁ OUTRA, DE FORMA LENTA, PERO IMPARABLE, REMATEN COA NOSA RÍA, COA RÍA DE TODOS, PORQUE A RÍA É SOBRE TODO UN BEN PÚBLICO, QUE CONSTITÚE E CONSTITUIRÁ UNHA ENORME FONTE DE RIQUEZA PARA O FUTURO. E ISTO SO SE CONSEGUIRÁ SE RACHAMOS COA ESPECULACIÓN E COA EXPLOTACIÓN EGOÍSTA DUNHAS POUCAS EMPRESAS QUE, ADEMÁIS, CONTAN COA COMPÍCÍDADE DE POLÍTICOS SEN CRITERIO NIN PERSONALIDADE QUE DESPOIS DUNHA CHAMADA TELEFÓNICA "ONDE DICÍAN DIGO, ESTÁN DISPOSTOS A DICIR DIEGO".

PRETENDEMOS MOBILIZAR Á OPINIÓN PÚBLICA DOS CONCELLOS RIBEIRÁNS DA RÍA E DO RÍO, PORQUE HOXE NINGUÉN PODE DISCUTIR QUE DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E CONSERVACIÓN DA NATUREZA SON TOTALMENTE COMPATIBLES. O DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO NA MARINA LUGUESA E NO OCCIDENTE DE ASTURIAS NON REQUIRE O SACRIFICIO DA RÍA, NIN DA NOSA COSTA. A RÍA É O NOSO GRAN PATRIMONIO COMÚN.

PARA PARAR A SÚA LENTA DESTRUCCIÓN PRECISAMOS UN PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS NATURAIS DA RÍA, QUE, COMO NORMA SUPERIOR INTERCOMUNITARIA, A PROTEXA DE CALQUERA ACTUACIÓN PERXUDICIAL. ESTE PLAN DEBE SER PROMOVIDO POLOS ALCALDES DOS CATRO CONCELLOS.

A NOSA RÍA HAI QUE RECUPERALA, CONSERVALA, DISFRUTALA E DEIXÁRLLELA, COMO LEGADO, OS NOSOS FÍLLOS E NETOS.

ALGUÉN DIXO NUNHA OCASIÓN: " NON SE AMA O QUE NON SE COÑECE ". ANIMÁMOSTE A QUE COÑEZAS A RÍA, QUE CONTEMPLES OS CAMBIOS NAS SÚAS CORES, QUE DISFRUTES DA BELEZA DE CASTROPOL, Das FIGUEIRAS, DESDE ALGÚNS DOS MIRADOIROS QUE A CONTORNEAN. QUE VISITES OS MEANDROS DO RÍO ARRIBA E OS HUMEDAIS QUE SON MARABILLOSOS ECOSISTEMAS NOS QUE SE DESENVOLVE UNHA RIQUÍSIMA VEXETACIÓN, FLORA E FAUNA.

NON VIVAS DE COSTAS Á RÍA. OS MARIÑEIROS, QUE SON OS QUE MELLOR A COÑECEN, PODERANCHE CONTAR, SE NON O SABES, QUE NON HAI MOITO TEMPO COLLÍANSE LONGUEIRÓNS, SULLAS, LINGUADOS, AGUILLOLOS-BERBERECHOS, CANGREXOS... UNHA RÍA ONDE SAÍR DE "ZALEA" ERA, E SEGUE A SER, UNHA GOZADA. A RÍA SEMPRE FOI PUNTO DE ENCONTRO DE GALECOS E ASTURIANOS, SEMPRE FOI O NEXO DE CONCORDIA ENTRE XENTES DE RIBADEO, CASTROPOL, FIGUEIRAS E A VEIGA, OS QUE ADEMÁIS TIÑAN COMO NORMA DE CONDUTA A ÉTICA DA SOLIDARIEDADE."

O VINDEIRO DÍA 4 DE XULLO, ÁS 8 DA TARDE, E PARA FALAR DISTO, TEREMOS UNHA MESA INFORMATIVA NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DO MAR DE RIBADEO. CONTAMOS CONTIGO.



¡A DEFENSA DA RÍA ESIXE UN COMPROMISO CIDADAN!
PLAN DE PROTECCIÓN DE RECURSOS NATURAIS DA RÍA, XA!

VERÁN 2008
PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS “O TESÓN”
"

Ningún comentario: