20080711

Arquivo Hernán Naval.- Saúda do director da EMMeD

Aínda que está posto en formato gráfico noutro lugar, para seguir a pauta comezada no blog hai vai para tres anos respecto de Hernán, poño ficha e transcribo o texto.
De Hernán Naval:

Data: xullo 2008

Fonte: Folleto I Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval

Título: Saúda do Director da EMMeD

Autor: Lourenço Filipe da Silva Cruz

Descrición: Saúda/introducción ó certame que leva o nome de Hernán.

Comentarios:


Saúda do Director da EMMeD


Cando un chega a Ribadeo por primeira vez e comeza a moverse no entorno musical da vila dase conta da importancia dunha figura como a de Hernán Naval. Percibino dende os meus primeiros días como director da Escola e da Banda. Vin que a súa pegada era moi fonda e que se aínda se mantiñan vivos estes dous proxectos educativo-musicais era porque os piares que o propio Hernán sentara eran sólidos dabondo como para sucumbir a golpes inesperados coma o que significou a súa morte. Dinme conta, tamén, de que detrás del había un grupo de homes e mulleres, mozos na súa maioría, que recibiran unha formación excepcional non so como músicos, tamén como persoas, e que grazas a eles vivía o espirito musical que Hernán sementara.

Coa posta en marcha do I Certame de Intérpretes Mozos "Hernán Naval" queremos render unha homenaxe á figura do propio Hernán, pero tamén ao seu empeño e á súa dedicación en prol da formación musical de centos de mozas e mozos, non so no seu Viveiro natal, tamén do Ribadeo que o acolleu ou da Galicia cultural á que Naval Parapar adicou boa parte do seu tempo. Queremos seguir con esta actividade loitando por unha Galicia culturalmente activa e musicalmente viva. Unha Galicia que, para Hernán, escribíase en clave de futuro e o futuro non está máis ca nas mans, nos atrís, de mozos e mozas coma os que esta fin de semana nos visitan.

Para a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo é un privilexio poder ser anfitriona deste certame e unha obriga loitar e traballar para que se manteña no tempo.

Lourenço Filipe da Silva Cruz

Director da EMMeD de Ribadeo

Ningún comentario: