20080731

Entre as curtas on/off e a visita do Presidente de Portos de Galicia



Onte comezou a proxección de curtas on/off 2008 en varios lugares de Ribadeo. Deixo o programa escaneado á beira. Por certo, ó cine concerto experimentei onte que lle falta afinación técnica de son para poder competir co concerto de cine da banda, a pesares de que a película non estaba mal: o retumbe no cantón fixo fuxir a xente de preto dos soportais, por exemplo. O certo é que Ribadeo énchese de realizadores estes días, e a xente vai sabendo que é iso. Tamén resulta raro ver a casa da xuventude, cuartel xeral de Mr Misto estes días, con tanta actividade. Eso si, a pesares de sere cedida por exemplo para xuntanzas veciñais (entre elas, O Tesón e a Atalaia), coido que o título de 'de xuventude' cáelle a desmán, despois de coñecer outros centros / casas da xuventude, como por exemplo, o de Vilalba, auténtico local social para nenos e mozos dende hai tempo, algo que o de Ribadeo suple únicamente con pór a disposición os ordenadores do primeiro piso (para a xente en xeral, non só para cativos), ordenadores que si se usan.
Onte tamén chegou ós medios de comunicación a nota de prensa onde dicía que hoxe o presidente de Portos faría unha visita a Ribadeo. Non a vexo hoxe nos medios consultables cando comezo a escribir isto (a excepción de aquí), pode que porque alomenos en Ribadeo será de baixo perfil, tentando de evitar outra cacerolada. De calquera xeito, parece ser que ven por cuestión de convenios laborais e non vai pasar polo concello. Mellor deixo claro este punto e paso a outro tema.
Porque si, certamente hai máis temas: ás 11 da mañá comeza dende Ribadeo a 10ª volta náutica a Galicia, que finalizará o día 10 na outra punta da comunidade.
Con agosto arrinca de novo a semana náutica. Casualidade, de novo temos unha actividade adicada este ano a Calvo Sotelo. Ise é o motivo declarado na prensa para dicir que a de iste ano non será unha semana náutica habitual. Era aficionado (eu, non Calvo Sotelo) ó cruce da ría a nado. Daquela organizábao a Paco Lanza. Despois, para fortificar a semana náutica, pasou a ser organizado polo Club Náutico, e en pouco tempo quedou reucido a un largo entre Bloques e club Náutico. Agora xa quedou máis reducido: desaparecido o último ano, pois hai moitos botes como para que o club náutico preste atención ós nadadores.
As novas de Ribadeo nonestán só en Ribadeo: onte na Deputación rexeitouse unha moción pedindo entre outras cousas un xulgado para Ribadeo. Como todos sabemos como é a política, necesitariamos alomenos unha nota de prensa das do concello para clarificar o tema, pois quen votou en contra foi PSOE e BNG,e a favor PP. Despois de que aquí non sexa a primeira vez que se vota por unanimidade unha petición de xulgado, a) vése necesaria unha aclaración e b) reitérase unha volta máis a necesidade de estar vixiantes ante as manobras dos políticos, que, sendo optimistas, habería que dicir como mínimo que ás veces non hai quen os entenda (cousa que estou convencido que, tamén ás veces, é a súa finalidade máis inmediata)
Onte tamén pasei por Santa Cruz. Sen cámara, mágoa! O acotamento de sitio fíxome sorrir e ó tempo víno como unha antesá de desmáns particulares en terreo público. Había mesas precintadas para que a xente (mércores, isto é, con 5 días de antelación) non se poidera sentar nelas, e xente subindo a vixiar que non foran desprecintadas. Menos mal que aínda quedaban abondas para sentarse, en xeral porque o 'precinto' estaba acotando o sitio entre as árbores, e non direitamente nas mesas. O sábado, ás 20:30, pistoletazo de saída co pregón de Eduardo Gutiérrez.
Hoxe a Banda Municipal de Ribadeo actuará, pero faráo en Matamá, Vigo. Quedaranse de novo sen desfrutar do sitio onde tocan: volta para casiña xa comezada a noite para chegar ás tantas. Non é sorpresa cando o teñen feito a pesares de ter o aloxamento pagado e ter que voltar ó día seguinte cedo (como paso coa gravación, este mesmo verán, de música para 'os mortos van ás présas', realizada na Coruña). Un xeito de actuar que non ten moi contenta a algunha xente.
O certo é que a acumulación de actividades e propaganda das mesmas vai dificultar a propaganda da manifestación do día 10 contra a nave no porto, se non é por medios coma iste. Mentras, Ence (non Navia, senón en xeral) aumenta ingresos a conta da ... venda de electricidade.

Ningún comentario: