20080731

Máis sobre a nave no porto



A conta dalgunha petición que recibín e xa que hoxe ven por Ribadeo o Presidente de Portos de Galicia, aquí queda algunha precisión, tendo como base o que xa escribira en maio sobre a visita pasada:

Características da nave que se pretende construír en Mirasol.

(Enténdese que os datos postos a continuación son variables no proxecto final)

A nave prevista en principio ten unha liña de 90 m sobre os 22 pilares (11 dobres) na auga. En Terra ten dous corpos de dimensións diferentes. O máis grande continúa a liña de auga.
Sobre auga está prevista unha cubrición de 2207m2, meténdose na auga uns 24,5m, e en terra, de 3775m2, o que fai un total de 5982m2.
Ten un total de 5 portas usables por transporte en terra, e unha división no medio para separar zona de carga de zona de almacenamento (un pouco menor, ver plano aproximado realizado por min, así como o alzado). O seu lugar, exactamente onde prevera aquí, e aquí, ocupando tamén cousa dun 30% do último recheo, como dixo mesmo o Presidente de Portos ó tempo que viña a dicir que a palabra dada polo anterior presidente de non facer construccións aí duraba o que durara a súa estancia no posto (en relación ó pasado recheo, que agora serviría en parte para a nave e que se lle lembrou ó actual Presidente, o anterior Presidente de Portos dixo que non tería edificacións, coa contestación de que por moito que se quixera, a palabra dada por unha persoa duraba como moito o que o seu mandato se non había papeis polo medio). Cousa curiosa: nos planos amosados no seu día non aparecen por ningún sitio as alturas, necesarias para facer o deseño da grúa-ponte que alimentaría as naves. as postas nos planos feitos por min son as baralladas a partir de que se teñen que meter os barcos dentro, e da existencia dunha grúa ponte no interior.



Ten como precedentes unha nave en Marín, aínda que físicamente non poden ser iguais (algo xa dito na xuntanza mantida con anterioridade), tendo aquí restriccións que alí non hai (tamaño da ría, tamaño do porto, diferencias entre unha zona industrial e outra residencial, etc)

O deseño, aínda que coido que dificultaría o uso do resto do porto, non ten inconvenientes de paso para Portos polo motivo de que o seu dominio marítimo abrangue aínda uns 80m máis lonxe da nave, e sería cousa de dragar a canle un pouco máis aló. Eso facilitaría o poder seguir usando o porto mentras se constrúe a nave, non enturbiando prácticamente o movemento portuario pola obra. Non embargantes, teño entendido que por ocupar o dominio marítimo, si necesitaría autorización de medio ambiente ó estar a ría de Ribadeo incluída como Zona de Especial protección de Aves e ser Reserva da Biosfera

Por certo, chamoume a atención que o plano de situación presentado no seu momento (data de sinatura, 11/4/2008), incluíndo boa parte do núcleo urbano ribadense, esteña mellor trazado que o do PXOM (polo menos, así o estimo eu)

Alternativas

Ten habido algunha proposta para meter a nave na zona sur de Mirasol, co que cadraría sobre os bloques. Deixo algunha foto complementaria de como estaba a marea hai un cacho para permitir facer unha estimación a quen non teña na memoria como está a zona dos bloques neste momento. A parte, estimo que eso implicaría o meterse máis aínda en zona delicada medioambientalmente, sen diminuír grandemente o impacto estético. Ó anterior habería que sumarlle a manobra necesaria para que os navíos poideran facer 90º para meterse e un dragado contínuo antieconómico, por suposto invadindo zona que non é xa de Portos.

No seu momento, plantexei a idea do porto exterior (idea que non é miña e ven xa de lonxe), tendo en conta o custe que iso supoñería, pero tamén que o porto ribadense seguirase a colmatar de area. Xa deixei claro noutro post que entre grupos ecoloxistas había diferencias con esta idea.

Outra idea é a do porto seco, na zona da estación de ferrocarril, cun ramal ó porto, aproveitando a mellora que tería a comunicación por tren entre a estación e o porto. Non cumpre exactamente as mesmas funcións, pero coido que é moi interesante.

Estimo ademáis que noutra zona do porto, o facer algo como o que se pretende (é dicir, cambiar a ubicación prevista) sería inviable por estrangulamento do resto de actividades do porto.

E, sobre todo, a falta de necesidade de presentación de alternativas no momento actual. Pretender alternativas económicas sen mirar nin de aproveitar todas as posibilidades actuais nin o ter conta do medio ambiente significa poñerse exactamente no punto do que non se desmonta Portos para apoiar a súa postura.

Comentarios varios sobre puntos concretos da visita do Presidente de Portos en maio.

Cando viu en maio o Presidente de Portos, chamáronme a atanción diversas palabras/jerga empregada, como que a nave é 'unha aposta empresarial privada'. Si, pero Portos de Galicia é una entidade autónoma dependente dun ente público.

As argucias dialécticas tamén teñen o seu aquél nesta historia: O presidente de Portos, ó vir en maio, tentou tranquilizar sobre a posibilidade dun novo recheo na zona do actual porto pesqueiro, valorando positivamente a existencia dunha lámina de auga abrigada, fronte a un recheo que di, minusvalora a zona. Hai que contrapoñer iso ó xa dito máis arriba sobre as promesas do presidente anterior.

O Presidente de Portos estima (en maio) que algunhas das cousas que máis valoran os seus clientes son a rapidez e a seguridade xurídica. E os seus clientes son os consignatarios, empresas, non persoas, e o interese das empresas, gañar cartos, algo que coido debe ser diferente como interese primario nas persoas.

Referiuse de pasada á Reserva da Biosfera como título honorífico. Teño entendido que o título deixou de ser xa honorífico ó pasar a ter un novo estatuto as Reservas das Biosfera, e a pesares de a lentitude e primeiros pasos da posta en funcionamento da que nos atinxe.

Sobre os motivos da ampliación, deu como único o aumento da producción de ENCE-Navia, xunto coa mellora nos prazos de carga (que dixo pasarían de 3 días a un-8 horas- de estiba, podendo descargar un camión dunha soa collida da grúa), a posibilidade de máis fluidez de saída ó ter espazo de almacenamento e o paso de 60/70 barcos ó ano a 120. É dicir, máis movemento no porto. Coido que calquera que esteña ó tanto das entradas e saídas do porto sabe que é maior a porcentaxe de tempo que non hai barco cargueiro no porto que a que hai dous. Penso que chega como aclaración, pero, por se acaso, hoxe un camión con trailer tarde en desprenderse da súa carga de papel menos de 5 minutos, como pode verse na carga de calquera barco.

Tamén saiu a relocer que o dragado; na actualidade e en Asturias, esixen que se deposite a area a 4millas mar adentro, mentras que en Galicia esíxense 22 millas. Algo a mirar cando se faga a manobra correspondente por parte da draga (por exemplo estes días, comprobando que a distancia á que se alonxa non é nin con moito as 4 millas correspondentes), e incomprensible se se mira ben, sendo de supoñer que no sentido do dragado, a ría 'pase a ser asturiana' na súa totalidade.

Prazos

En maio quedou establecida unha certa cronoloxía mínima: xuño-xullo 2007, primeira nova de Portos. Setembro, primeiro contacto co concello sobre o tema. Febreiro 2008, análise sobre a súa posibilidade ou descartabilidade. 5/3/2008, solicitude formal de Ceferino Nogueira, co apoio de Ence. 29/4, trámite de competencia (DOG), que ven a ser algo así como un anuncio por se alguén quere reservar espazo non ver que xa está reservado.

Non houbo competencia, logo está a presentación da documentación para adxudicación (un primeiro proxecto), realización de estudo de impacto ambiental (estimado en termos de tempo nuns 3 meses), conseguir o placet de Cultura/Patrimonio por estar na zona do casco vello (forma, volume, ...), do concello (licenza que se dixo que non se ía dar), ... co que a próxima 'manifestación pública de documentos' sería como cedo a finais do mes de setembro, tendo xa que facerse exposición pública para conseguir a solicitude de concesión administrativa.

Nota/comentario final.

Queda por recibir algunha documentación do concello sobre a súa postura, algo que onte mesmo o alcalde me manifestou que me enviaría.

E para cando quedaría un estudo de dinámica litoral? Tal como se ve nas fotos, o arrastre de area na actualidade é unha dificultade a considerar para calquera cousa que se quera facer no porto.

Deixo a continuación algunhas ligazóns das moitas que xa se poden atopar en internet sobre o tema para ambientar este post.
Una manifestación en agosto y en Ribadeo
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/05/15/0003_6818649.htm
http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/unha-continuacin.html
http://elprogreso.galiciae.com/pdf_files/14052008am_2.pdf
http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/un-pleno-diferenciado.html
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2003/12/30/2289968.shtml

2 comentarios:

Ángel de Olavide dixo...

Antonio
Acabo de leer toda la información. Voy a poner el enlace en los comentarios de la nota mia.
Un abrazo

Angel

Anónimo dixo...

Dende Atalaia, unha vez consultados os socios, dicimos NOn a construcción da nave no peirao de Mirasol.
Estaremos na manifestación o domingo.