20080716

Notas de prensa do concello 20080716

O CONCELLO DE RIBADEO EDITA 15.000 EXEMPLARES DUN NOVO FOLLETO TURÍSTICO QUE XA ESTÁ A REPARTIR POLOS ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS DA ZONA.
Ribadeo, 16 de xullo de 2008. O Concello de Ribadeo ven de editar 15.000 exemplares dun novo folleto turístico que xa está a repartir polos establecementos hostaleiros da zona. O alcalde, Fernando Suárez, destaca "a boa acollida que está a ter o folleto que presentamos hoxe. No anverso ten o casco vello de Ribadeo e os detalles históricos e patrimoniais máis destacados e no reservo ten o que é o Concello tamén coas diferentes parroquias e os detalles máis singulares de todas elas". O rexedor considera que "este folleto era necesario, porque a pesares de ser Ribadeo un municipio turístico, a pesares de recibir cada ano a máis xente e a pesares de que tivo un plan de dinamización estes anos, non tiñamos un mapa bonito e plegable para entregar aos turistas que chegan cada vez en maior número".
Suárez Barcia engade que "se trata dun mapa que recolle íntegramente os recursos turísticos de Ribadeo desde o punto de vista histórico e poñendo en valor a nosa historia e o noso patrimonio. É moi atractivo e bonito e foi debuxado por Chencho Pardo". O alcalde asegura que estes días estánse a enviar exemplares sen dobrar deste novo folleto turístico de Ribadeo "a cada hostaleiro por si os queren enmarcar ou expoñer ao público para que o poidan ver in situ e así tamén facilitarán a visita e o disfrute de Ribadeo aos turistas xa que lles axudará e entender mellor o noso Concello".
O alcalde agradécelle a aportación económica de casi a totalidade do custe do folleto que se situou en 18.000 euros á Dirección Xeral de Turismo da Xunta e tamén á Area de Turismo da Deputación Provincial de Lugo.
Rinlo e Arante
O Concello de Ribadeo tamén fixo folletos específicos de Rinlo "dado que é unha parroquia urbana de Ribadeo e un dos atractivos turísticos máis importantes que temos", explica Fernando Suárez, "e tamén fixemos folletos singulares para a Ponte de Arante, pola súa capela e por eses frescos do século XVI que teñen un interés turístico relevante. Ademáis a Ponte foi escenario dunha batalla contra un destacamento francés no ano 1809 que gañaron veciños das parroquias de Ribadeo e de Trabada. Eso é parte da nosa historia que queremos compartir cos visitantes que veñen a esta zona este verán".
--
AS XORNADAS AMBIENTAIS DE RIBADEO SON RECOÑECIDAS AOS PARTICIPANTES CUN CRÉDITO DE LIBRE CONFIGURACIÓN, SEGUNDO REITERA O EDIL, HORACIO CUPEIRO.
Ribadeo, 16 de xullo de 2008. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, desminte as acusacións realizadas na xornada de onte pola UPRI, nas que aseguraba que as XII Xornadas Ambientais non contan cun crédito de libre configuración. Cupeiro asegura que "como responsable desas xornadas teño que desmentir esas afirmacións xa que o poido demostrar co documento asinado polo Vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, o 27 de xuño de 2008 despois de ser aprobado pola COAPA, a Comisión de Ordenación Académica e Profesorado".
O edil nacionalista engade que "o primeiro que lle digo ao Sr. Rivas é que ten que informarse, pero parece que calquera cousa lle vale con tal de saír nos medios de comunicación contando mentiras ou levantando calumnias. Xa o fixo noutras ocasións, e nunha que ten que ver conmigo, cando presentou unha enmenda sobre o punto limpo, o contenedor amarelo e o vertedoiro de entullos para intentar enganar á Corporación e que se votara en contra dos informes técnicos e él votou a favor da empresa que tiña menos puntos". Horacio Cupeiro pregúntase "¿por qué tanto interés en todo este tipo de marrullerías que non sei a que conducen? Eu agardo que o pobo saiba cales son os seus comportamentos e en algún momento igual podemos demostrar algunhas cousas".
--

Ningún comentario: