O certo é que o apartado de apoios, despois de telos recibido antes da manifestación, considerábao case pechado. Despois de ver no 'El País' do domingo "Los municipios atacan el plan de puertos deportivos", e na Voz de onte "Ventanas rotas" (aínda que a teoría pode atoparse en moitos lugares), vexo que a Portos lle están a crecer os ananos, como se di por aquí. É dicir, podemos ter participado nun 'efecto avalancha' en contra das decisións de Portos de Galicia que pode facilitar as cousas en contra da construcción da nave no porto de Mirasol. Non hai tanto que cambiou o Presidente de Portos, e podemos estar na antesá doutro cambio semellante. En calquera caso, temos idea polo que sucedeu en Ribadeo dos apoios que ten Portos dentro da estrutura de portos deportivos, e esta oposición é a considerar como un apoio lateral, pero apoio, á manifestación.
Certamente, a organización da manifestación tentou (tentamos) a procura de apoios, e así enviáronse invitación para a participación de moitas asociacións, e de xeito aberto, para que fora redifundida. Non obstante, a xente desmotívase con facilidade, e a nova da prensa de días anteriores do acordo entre Ence e Feve foi considerado por moitos como razón para non participar ó considerar que xa non hai dende entón perigo de construcción. As novas de prensa, segundo quen sexa a orixe, poden ter un valor ou outro, unha ou outra influencia, e neste caso, foi unha clara desmotivación. Algo que, doutro xeito, xa se deixara sentir na recollida de sinaturas, o vir xente que mesmo non asinaba por ter por seguro que non se ía construír, o mesmo que ter vido xente que non asinaba por ter seguro que non ía servir para nada por ter tomada xa a decisión de construírse.
E é que as novas, na cabeza dos periodistas e nas redaccións, parece que teñen un sentido diferente que no común dos mortais. Por exemplo, cada nova parece necesitar unha cabeza sobresaínte para manterse. Como, se non, pode explicarse que a estrela principal da nova da manifestación en diferentes medios sexa o presidente de Greenpeace, que acudiu de casualidade (atopábase próximo) a dar o seu apoio? Evidentemente, mesmo Adega pode celarse del, xa que ten participado abondo máis (sen ser das asociacións convocantes) e en varios medios quedou só en segundo lugar da nova.
Tampouco extrana que os periodistas andiveran á caza de políticos participantes, cando entre as asociacións que foron convocadas non había ningunha organización política, e xa houbo con anterioridade declaracións dos partidos apoiando e a portavocía do alcalde no pleno de maio representando a tódalas forzas municipais. Así, non pode extrañar despois que xurdan 'cousas raras' na análise de resultados (que queda para outra entrada)...
Noutra orde de cousas, calquera que se de unha volta estes días polo Xardín de Sela verá que o chamado 'Xardín de Indianos' vai rematándose a paso lento. O resultado a min non me gusta moito, a verdade, como xa deixei de manifesto nalgunha entrada anterior. O campiño que había coido que necesitaba poucos retoques para actualizarse, e así, dubido que non volte a polémica sobre os plans iniciais e o resultado final, con acusacións mutuas de incumprimento de planos e planos defectuosos... sen que dende a cidadanía se poda ter unha visión clara, despois de enterarse pola prensa de calquera dos puntos do proceso, sen ver planos, etc. É dicir, sen a transparencia que moitos creemos debida. Claro que neste mesmo blog teño falado do exiguo número de persoas que se presentaron na dación de contas do alcalde, o que limita as posibildiades de reclamación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario