20080830

Confusións


Á espera de recibir as próximas notas de prensa do concello, miro a prensa con certo escepticismo. O primeiro co que me atopo é a nova de que a xente que non recolla os excrementos dos seus cans será multada. Se non lembro mal, coido que non é á primeira (e pode que nin a segunda) vez que se di o mesmo. Acompañando a nova, aparece -de novo- o rogo de botar o lixo en bolsas cerradas, e un lembra aquelo que escribiu respecto a outra cousa: 'Cando a lei non se cumpre' (publicado na Mariña o 14 de novembro de 1996). Por certo, atópome con que está unha referencia na rede, pero non atopo o propio artigo, que xuraría que coloquei; terei que voltar facelo.
A outra confusión ofrécea o plan acuícola da Xunta. Resulta que permiten dúas piscifactorías no termo municipal de Ribadeo, que corresponderían á solicitada por Pescanova no seu momento á beira do Castro das Grobas-Punta do Corvo, duns 250000m2, e outro o correspondente a Foxo Longo (Meirengos, pero dito Rinlo, de 240000m2), que correspondería á que deixou a lágoa Cascos, e que agora tería que retirarse. Pois ben, a prensa volta falar de 80 postos de traballo para a factoría de Pescanova, cando na de Acuinor (Cascos) falábase xa por parte da empresa de abondos menos. O caso é que anos despois de comezado o tema, a Xunta, coa oposición aireada do BNG, da para adiante ó plan, e permite as dúas... con cortapisas, pois non se poderá invadir a zona de rede natura (o que o faría inviable de por si, pero minorizando a rede....) co que Acuinor tería que retranquear e segundo o que di o representante da empresa, tería que facelo 400m, apartándose da costa en terreos que neste momento non ten, encarecendo o proxecto,... co que prefire pedir indemnización á Xunta a seguir adiante. Se mal non lembro, a situación é case exactamente a contraria que a que tiña ó principio, cando se lle facilitou pola Xunta a posta en marcha e a adquisición de terreos.
A foto, outra pequena confusión nunha paraxe bonita: a entrada á via de servizo do porto de Mirasol, con dous carteis chantados no medio, un dunha entidade oficial e outro dunha empresa privada, ós que non vexo sentido alí. Se se quitan os carteis, seguirá a ser bonita.

1 comentario:

Carvalhais dixo...

O seu trabalho de compilaçom dos assuntos relacionados com Ribadeu nom tem preço!

Engado-o à minha listagem de blogues amigos e interessantes.

Saúdos dum vizinho!