Cales son os límites de Ribadeo? Calquera foráneo que mire un mapa poderá dicilo: nomeándoos polo que hai máis aló, Ribadeo limita con Barreiros e con Trabada. Para moita xente, abondará con eses límites. Iso non obsta para que, a pouco que se colla un mapa máis amplo, por exemplo, poda (e podamos) ver que limita con Asturias. Distinguindo, co concello de A Veiga. Chegamos así a un primeiro 'Asturias (o máis aló) existe!' que pode ser administrativo ou con outro sentido, pero non deixa de ser certo, e ser un límite, Eo polo medio. Especifico o de Eo polo medio: nos casos dos límites internos a Galicia, os ríos ou promontorios que nos separan son máis tenues, menos separadores que o gran río.
Claro que, quedándonos con eses límites, teriamos unha grande falla: a ría de Ribadeo desaparecería do mapa. Así, pois, sigamos incorporando beiras, limitando: Ribadeo limita con Castropol. Si, os setecentos metros que separan os peiraos das dúas capitais de concello son de ría, a ría de Ribadeo. Pero Ribadeo non limita coa ría: limita con Castropol na ría. É algo que debe quedar claro, pois a ría é compartida e non propiedade de Ribadeo, aínda que non me quede claro de todo o vencellamento continuado dese espazo de xeito a partir da célebre desputa entre Bispos por terra e muller. Así pois, unha volta claro que a ría é de todos e polo tanto, non é fronteira (*), senón en todo caso, posibilidade de unión por medio da comunicación que resulta de surcala, continúo.
Indo máis aló, profundizando nos límites, ó norte do concello diriamos que Ribadeo limita co Mar Cantábrico. Se nos lembramos do nome dunhas célebres xornadas (alomenos entre nós), 'Mar por medio', os que vivimos por esta banda sabemos que o mar non limita, a pesares dos cantís que fan de contención da auga (ou da terra), e que dende o mar poden ser vistos como un auténtico muro, unha fronteira. Pero xa hai tempo que os mariños da terra e os comerciantes capitaneados polo Marqués de Sargadelos nos ensinaron que eso do límite mariño é algo difuso. Podemos dicir con máis xeito que Ribadeo limita con co sur de Inglaterra, ou coa Bretaña, por exemplo. Está claro que, mar por medio, Ribadeo limita con calquera outra costa de mar aberto: é o límite máis amplo dos enunciados, e non o digo polos recortes, entrantes e saíntes, furnas e covas, que forma o litoral, senón porque xeracións anteriores de ribadenses fixeron posible a comunicacion a traverso do mar e puxeron os límites de Ribadeo mais aló, moito máis aló dos cantís de Augasantas.
Pero estes novos límites, extensos, lévannos a pensar un pouco máis aló, a outros, e desta volta, descoñecidos ou desconsiderados: o primeiro, cara abaixo: pouco sabemos deses límites, que nos describen os xeólogos e que podemos ollar nas canteiras da Devesa ou nas covas do litoral. En calquera caso, non considerados, non citados como límites, esquecidos como tales. O segundo, cara arriba, o ceo infinito aberto á comunicación e á imaxinación. Lugar surcado ata hai moi pouco só por poetas, novelistas, pintores, ... que fai limitar Ribadeo coas estrelas. Este é o límite máis incógnito e ó tempo, sempre o máis achegado. Un límite que non pecha, senón que se deixa aberto. Un límite que fai de fronteira e, ó tempo, que nos permite albiscar máis aló, ó infinito. O único límite de verdade que debe ter Ribadeo, ou, ó menos, os ribadenses.
Antonio Gregorio Montes
(*) Sobre fronteiras, que poden ser moi diferentes a límites, un traballo de hai uns anos de Suso Fernández Acevedo, titúlase así.
1 comentario:
Encántame a idea de que ademáis de N,S,E e W, Ribadeo limita "arriba" coas estrelas. Hei de empregala algún día.
Un saúdo!
Alvaro.
Publicar un comentario