20080912

Descoñecido

Coido que o máis interesante que pasou onte en Ribadeo, pasou desapercibido. En realidade, non é das cousas que soe ser noticia: unha táboa redonda nunhas xornadas de automoción pasa en xeral desapercibida. Onte participei nela como mantedor e intérprete e coido que, ás veces, non debera ser así. Estaba previsto que viñera xente de dúas empresas, todos italianos, a falar diante dos preto de cen participantes, todos profesores da rama de automoción de Galicia e comunidades limítrofes. Excusaron a súa asistencia dous participantes dunha empresa italiana e foron substituídos por un dunha empresa española, quedando ó fin constituída por Elio Premoli (empresa Multicar, Italia) e Eduardo Rega (Carrocería Hermanos Rega), sobre o tema 'Solucións para o automóbil: software'.
Por que foi remarcable? Empezando polo menos importante, persoal, foi para min un desafío o facer unha interpretación dunha intervención de máis dunha hora italiano-galego, sobre un tema que non controlo demasiado, e quedei a gusto de como foi saíndo a cousa. O traballo deixome a posibilidade (máis ben, case me obrigou a facelo) de pensar cunha certa profundidade na preparación da mesa e no seu desenvolvemento. E así, puiden ver como nun evento tipo mesa redonda non se pode pensar a priori en complementareidades: o italiano que fixo a súa exposición contaba coa exposición previa dos outros italianos e, o faltaren, tivo que variar de xeito rápido a súa exposición. De igual xeito, o representante da carrocería de Alfoz atopouse de saída cunha situación, que houbo que disculpar pola premura da preparación en última instancia, de menor uso de medios audivisuais. Entendámonos, calquera dos dous controlaba abondo a exposición que fixo, pero atopáronse de pronto con imprevistos sustanciais que non tiveron inconvinte en superar pero que implicaron unha exposición diferente á que terían de non haber fallado os outros italianos.
O representante de Hermanos Rega, que fixo a súa intervención en segundo lugar, amosou unha empresa en transformación que non parece cadrar cos estereotipos empresariais da comarca nunha industria tan competitiva hoxe como a da automoción, e que implica cousas como a preparación da súa industria como fabricante de vehículos, e non como sinxelo aportador dunha caixa que vai ó final dos camións. De feito, por fóra da táboa, atopeime con información complementaria que indica ata que punto unha empresa de 51 anos asociada á comarca está implantándose á súa escala no futuro tecnolóxico e de funcionamento interno. O seu descubrimento foi para min unha sorpresa.
O outro intervinte amosou tamén a súa empresa, que poderíamos asociar á idea dunha pequena rede de talleres de coches. A idea do empresario non vai exactamente por aí: certamente, trátase dunha pequena rede de talleres, pero os entresixos da mesma non son os tradicionais, procurando ó tempo a diversificación e a adaptación a un mercado do automóbil abondo máis maduro do que se da por aquí, e a liderar as relacións non só cos clientes para a súa fidelización senón tamén coas grandes aseguradoras que tentan ganar máis a conta de quedarse coa parte do pastel que lles corresponde ós empresarios do sector. Amosu así o movemento asociativo que se está a desenvoltar no norte de Italia para facer este tipo de industria desenvolto cara ó futuro, a súa historia a partires do ano 1992 e os movementos que o levaron a que, a pesares de cambios lexislativos e normativos estatais impulsados polas empresas de seguros italianas, coller a dianteira na preparación ante os mesmos.
Así, o dsenvolvemento pouco a pouco, procurando a mellora e o aumento da producción dunha empresa da zona (que por certo comezou como madereira e xa hai anos que emprega tecnoloxías 3D só como paso inicial nos procesos de deseño carroceiro) amosa o futuro de posibilidades (e necesidades) doutras moitas empresas da zona e de fóra. E a visión de tecido empresarial e colaboración, non só a nivel interno das empresas de tamaño mediano e pequeno, senón cara a clientes e centros de investigación dun italiano, permeten asemade unha porta aberta a industriais da zona para que pasen de seren pasivos, sorteando o que o mercado e a grande empresa indican en cada momento, a tomar as rendas pasando a seren actores propiamente do deseño do mercado. Dúas leccións que se me fan difíciles de transmitir aquí en poucas palabras, pero que estiveron patentes na teoría e na práctica ó longo das dúas horas. E que, ben aprendidas, non dubido que suporían un pulo fundamental para a zona na que sexan aplicadas, sexa Ribadeo, A Mariña, Galicia ou China.
So me queda dicir que os participantes, despois das intervencións, fixeron seu o campo intervindo á súa volta con preguntas que considerei interesantes, amosando unha disposición cara á temática e xeito de disposición da mesma que me fixo pensar que non fun eu só o que considerou moi interesante e ilustrativa a táboa redonda. Mágoa que foran profesores e non empresarios...

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Para que unha actividade non pase desapercibida hai que anunciala previamente con tódolos medios posibles, que actualmente son moitos, e moitos deles gratuitos ou gastando pouco diñeiro. ¿Que parte do presuposto das xornadas se adicou a dalas a coñecer á opinión pública? ¿Como se fixo esa promoción, se a houbo?

agremon dixo...

Pois non o sei, alomenos de todo.O que sei é que non era unha actividade aberta, senón de formación do profesorado e que foi anunciada no plan de formación anual, pero difusión pública coido que non tivo máis que na páxina web das xornadas. Pasereille a pregunta á persoa responsable por se quedre dicir algo.