Fotos
Paseando por calquera vila, en particular en Ribadeo, poden atoparse fotos elocuentes. Xunto a outras, testimonio de enlaces matrimoniais, banquetes e demáis, amósanse algunhas que fan de testimonio gráfico da xeografía ribadense.
Hoxe chamáronme a atención dúas, expostas no mesmo escaparate, nas que se amosa nunha, Ribadeo coa ría, e, noutra, a ría con Ribadeo. Pode parece que son a mesma, pero non. Na primeira, a foto céntrase en Ribadeo, collendo da ría os portos, a ponte, a bocana... Na outra, a protagonista é a ría, co entrante da Liñeira nun primeiro plano e a pequenez ribadense facendo de contención das augas polo fondo, contención á que se engade aposentada enriba a terra ata Foz en máis aló. O caso é que, nestes días nos que xa se ten ouvido falar dun novo recheo no porto comercial, ambas sirven para ter unha imaxe das implicacións que dita obra pode ter no futuro.
Cabe lembrar que aló polos anos sesenta D. Isidoro Asensio advertira en diversas ocasións, en particular sobre o daquela proxecto dun muro/escolleira de contención para a praia que agora é “dos Bloques“, que un muro tal traería unhas consecuencias graves, convertindo a área nun cenagal. Eso é o que se pode observar hoxe en día calquera persoa que pase preto do lugar, tra-la construcción dunha obra semellante máis de dez anos despois do estudio de D. Isidoro. Dende aquela, as obras sobre a ría non pararon de facerse; máis ben cabería dicir arrebatar sitio á ría para convertila en terra firme ou dificulta-lo movemento das augas. E con elas, o aumento amosado dos tesóns e as cada vez máis frecuentes e perentorias necesidades de dragado, entre outras.
Hai moitas preguntas en relación ó xa feito. Algunhas delas son sinxelas, con respostas que apunto deben ser incomprensibles como razón posible pola que non se dan. Por exemplo, ¿hai explicación para que non se fixeran estudios de impacto ambiental en ningunha delas? Ou ben, sabido que a obra do recheo onde hoxe está a lonxa presentouse como unha conquista de chan industrial, entón, ¿por que a maior parte dela permanece ben con herba, ben con asfalto, mesmo ocupado por un aparcamento ó aire libre de remolques de embarcacións? Respecto a esta última obra, lembro alguén que me sentenciou: “se da un posto de traballo, está ben feito“. Dende logo, deu ben poucos; ¿non quitaría máis dos que deu?
Ben, hoxe preséntase unha nova obra para encher uns oito mil metros cuadrados da rada norte de Mirasol e convertilo en terreos onde meter... non se sabe moi ben que. Parece que en principio ían construírse naves de almacenamento. Logo, tamén galpóns onde albergar maquinaria auxiliar da construcción naval. O caso é que nas fotos que dixen ó comezo nótase ben que a ría na beira de Ribadeo está chea de pedras e cemento, e que, se na beira asturiana se tivera feito o mesmo, non xa cousas máis ou menos “bucólicas“ como as aves que lle dan renome, senón tamén bens económicos como o turismo terían desaparecido en boa parte. Calquera que se de unha volta por Mirasol poderá observar que as naves xa construídas ou ben teñen un aproveitamento que deixa que desexar ou ben serven de sinxelo almacenamento barato para empresas ubicadas noutro lado e que embarcan os seus productos en Ribadeo. Unha curiosidade que pode observar calquera persoa allea ás operacións portuarias que non lea como é debido a prohibición de entrada ó porto: fálase en contra do “porto seco“ ou da “estación de transferencia de mercadorías“, pero na realidade, o que se denosta de lugares así, a saber, que supoñen un paso máis no proceso de transporte, é precisamente o que se está a facer con esos almacéns: acumulación de mercadoría por longo tempo e non para pequenos axustes entre a chegada ó peirao e o seu embarque. Claro, o arrendamento das naves é barato, por suposto non cobre o custe do recheo, e fai o espacio “competitivo“. Mirando as fotos tamén se ten outra sensación clara. O recheo vai cubrir prácticamente a metade da superficie da dársena, case toda a parte sur. E a gran maioría da superficie de atraque, se ben é de esperar que parte do novo borde sexa adicada tamén a peirao. Mais así, ¿cánto tempo se tardará en facer o recheo de toda a rada entre Mirasol e a lonxa?
Pode que, ó ser do interior, se me escape algún detalle necesario para a comprensión do conxunto. Ou que polo pouco espacio non teña en conta outros datos como que dende que eu lembro se ven falando de polígono industrial en Ribadeo sen haber nada novo ata o momento, mentras na ría xa perdín a conta das obras que se levaron a cabo. Aínda así, cónstame que a maioría do pobo de Ribadeo está contra un novo recheo gratuíto máis, un novo atentado que non se mantén nin económicamente, que é a bandeira usada nestes casos para arrasar co que se poña por diante. En fin, este é un artigo e non un informe técnico no que discutir máis a fondo o tema. O que parece é que ese informe non se fixo nin por parte dos impulsores do recheo, ou peor aínda, que por algunha razón se está a escamotear da vista do público.
Antonio Gregorio Montes
Ningún comentario:
Publicar un comentario