20080927

Un artigo xa vello: comentario a pé de páxina

    ... afortunadamente, o último envite contra da ría non saíu adiante... Comentario a pé de páxina. 
    A Corporación Municipal de Ribadeo parece ter pasado de páxina co tema do recheo. A ese cambio refírese o título: comentario sobre o cambio que presenta un novo panorama. 
    O artigo que se publicou na Comarca o pasado 27 de decembro, “Despois das lembranzas, a Deus rogando ...“ tivo para min un aquel de inocentada: escrito xusto antes de coñecerse a noticia da viravolta dos responsables municipais sobre o recheo, apareceu impreso despois de varios días de comentarios de prensa sobre ese feito. Unha vez relido, nembargantes, parece ter resistido os embates do cambio. O forzar a Portos (e polo tanto á Xunta) polo aviso e posterior manifestación, a falta de estudios previos, a súa exposición, a execución “limpa“ das obras... seguen a ser o reflexo da realidade. Pódese ver claramente tanto agora como antes: o Plan Director do Porto parece ser coñecido en detalle só por xente dalgún xeito afín ó poder e que acepta o botar máis lixo na ría (eu pedino, pero ...); aínda así, non hai o estudio previo da súa necesidade, a súa bondade ou as súas consecuencias. En canto a realización limpa das obras, calquera que teña visto como parte dese plan, o aumento do cierre no Porto Deportivo, íase ca marea en cada subida ou baixada, sinxelamente dudarao. 
    Parece que a Xunta quere aplicar aquelo de "a quen non quere caldo, dúas tazas". Dúas tazas: ese é o resultado pretendido por unha institución con xente que parece ter, recursos e poder a parte, abondo máis tablas que a do Concello ribadense, aínda que pese ós votantes deste conxunto que foi tan ben recibido como cambio necesario. Así, dunha volta, fai o que pretendía no peirao "deixando claro quen manda" e desacredita o governo dun Concello posible opositor. 
    A negociación mantida... , ¿que parte da negociación? ¿Aquela na que se pretende deixar que enchan a ría de escombro a cambio de axilizar obras que competen a Fomento e xa están sinaladas e en fase de licitación? ¿A parte que di que se favorecerá a creación do Polígono Industrial despois de vinte anos (non me lembro exactamente cántos máis, nin creo que importe moito)? ¿Aqueloutra que pretende acelerar un PXOU/PXOM do que a primeira edición, auspiciada pola Xunta, tivo que volverse atrás por razóns legais? A boa intención que de seguro puxeron nas “negociacións“ os nosos representantes municipais non borra as consecuencias: quedaron co cu ó aire. A "boa fe" xa veremos se se ve correspondida (aínda con promesas non escritas sobre cousas xa gañadas e que se deben ó pobo) ou máis ben o fai tomando conta do dito aquél de "Roma non paga traidores" que me lembraron esta mesma tarde. De calquera xeito, alédome de que os nosos representantes poideran tomar no seu apoio unha manifestación ben nutrida e de que lles servira para algo; é unha magoa que non sexa citada como apoio a tódalas "cousas conseguidas" na correspondente nota de prensa: ó fin, foi o pobo quen apoiou, o pobo que representan por elección. Por certo, ¿alguén oiu que a Xunta dixera que fixo concesións para chegar a un acordo? Sempre quedarán outras dúbidas no ar. Unha, por exemplo, a de se o tema do recheo non serviu de cortina de fume para ocultar a máis que probable polémica sobre a subida das taxas municipais. 
    Como nota a pe de páxina xa é abondo. Pero sobre o que se ten visto por diante e por detrás creo que se pode escribir un libro enteiro. A constitución dunha comisión de seguemento seguro que xeraría moita máis información, a xuntar á dos aspectos técnicos, sucesivos enganos e ocultación de información, presións a tódolos niveis, aspectos caciquís, ... E aínda non rematou o tema, a obra nin a oposición. 
    Antonio Gregorio Montes

Ningún comentario: