20081023
Amencendo
Nunha crise económica como a que se nos aviciña, (ver, por exemplo, algunha nova de hoxe)pode que non sexa tan mala cousa mirar ó pasado para aprender e procurar ideas. Fáise a nivel internacional, rebuscando na crise do 29, (por certo, o 24 de outubro foi o día de referencia, de comezo da baixada que daría lugar o día 29 ó 'crac' da bolsa de Nova Iorque) e pode que tamén fora bo que se fixera a nivel local. Tal vez nos atopáramos con xeitos de facer en tempos nos que a facenda local non dispoñía dos recursos que ten nestes días a pesares do estado de contas actual de moitas delas (é certo, e non se pode esquecer, que os servizos asignados -cumpridos ou non-, tamén son máis numerosos agora), e tamén con actitudes dos veciños que podían ser máis propicias ó entendemento ou a colaboración.
As fotos que acompañan (Unha vidrieira da parte oeste do mercado de abastos, adicatoria a Ramón González da praza de abastos de Ribadeo, fachada norte e plano de distribución de postos) poden servir para lembrar un tempo no que o capital empregábase nestas terras para facer o ben ós veciños, axudando ó tempo que competindo cos poderes públicos e o seu escaso orzamento (pode que non sexa boa idea meterse en temas anexos como as diferencias de capital daquel entón... ou si). O edicifio ten unha placa que lembra ó benefactor, e foi reparado en diversas ocasións xa sen benefactor presente a cargo da facenda local ou de axudas públicas, como no caso das vidrieiras, aínda recentes. Pero a súa función e vista xeral son como na súa construcción; tentouse facer máis aproveitable (e máis rendible para a xente que o usa) con pequenos cambios, incluído o cartel de metacrilato que indica a distribución de postos no interior, e que manifesta que xa pasou no seu uso por tempos mellores: hoxe o cartel / pano de distrubición presenta ocos que indican outro xeito de discorrer a vida de Ribadeo, máis alonxada do mercado e máis próxima ó super-mercado ou hiper-mercado, máis alonxada pois do propio viciño en favor de relacións máis difusas con entidades de base lonxana. Os tempos cambian, pero se lles botamos unha ollada e temos presentes os cambios, ó mellor podemos comandalos en troques de vernos abocados a un cambio imposto dende fóra: do pasado á estratexia de futuro...
Cambiando de tema, hoxe dous alumno sdo IES Porta da Auga van á Coruña para, hoxe e mañá, facer de xurado dunha mostra de cine científico. Xa veremos que contan da experiencia ó voltar.
Etiquetas:
economía,
Fotos Ribadeo,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario