20081019

Asimetría

Vexo a nova de que o Concello de Castropol foi multado por Medio Ambiente con 600 € polos verquidos en Penarronda, procedentes do Polígono Industrial de Barres. Algo que xa saíu no blog con anterioridade e que fixeron ver os 'Amigos del concejo de Castropol', que tamén teñen alertado das deficiencias dos verquidos á ría de Ribadeo tanto de Castropol como da Veiga. Pregúntome cánto sería multa se en troques dunha institución, quen o fixera fora un particular.
En Asturias valoran positivamente en termos de vidas humanas o 'búho' entre Puerto de Vega e Ribadeo. Non dan detalles de uso. Coido que se lles esquece facer unha valoración sobre a incidencia a curto, medio e longo prazo das costumbres que implica o uso do búho, e que debera ser feita. De calquera xeito, parece que os búho si comezan a funcionar, forzada a xente pola diferenza de custe dos traslados entre transporte colectivo e individual, a parte da vixiancia da Guardia civil co alcoholímetro. E a promoción do transporte colectivo polo día, para cándo queda?
Onte a nova na prensa local e provincial foi a limpeza con que José Carlos Rodriguez Andina saíu do embrollo xudicial no que o metera o fiscal Izaguirre. Para aledarse non só el, senón todos, tanto porque todos contribuímos ó orzamento provincial como porque todos contribuímos á composición da Deputación e sufrimos ou desfrutamos das súas accións e decisións. O malo que teñen os procesos deste tipo (e de case calquera) é que sempre queda a sombra da dúbida, nun sentido ou noutro. Por exemplo, foi unha manobra política o metelo no caso? Ou, pola contra, o que non se logrou foi demostrar os feitos, non que non os houbera? E é que cos xulgados (e falo por experiencia propia aínda que valería coas novas que de cando en vez aparecen na prensa sobre algunhas decisións xudiciais), e cos seus xuízos, pode verse aquelo de 'os camiños da xustiza son inescrutables...'

Ningún comentario: