20081024

Cogomelos


Andamos na época. Martes, polo mal tempo, non poideron saír os alumnos do IES Porta da auga recollelos para logo montar a exposición. Outro día será. Mentras, na mesma horta pensada para acoller ó 'patio de recreo' do xeriátrico público ribadense, en Ove, un par de días antes habíaas a mansalva, só dun par de tipos, pero grandes, grandes. De feito pensei que conservalas sería alicerce para os residentes maiores poder recoller algunha, sen gran esforzo. Costará moito mantelas?
A resposta é que seguro que moito menos que o ascensor panorámico, que hoxe nos dá ós opositores un pequeno gusto: a obra está paralizada para facer estudos e, no seu caso, reformala. Mágoa que eses estudos sexan para ver se a obra principal, a baixada do ascensor, se pode facer máis pegada ó talud (e polo tanto, posiblemente máis fea, despois dos 'eloxios' de Patrimonio e o premio de arquitectura dos que da conta a prensa e eu non me enterei no seu momento). O caso é que pode pararse por eso, e non para facer un estudo orzamentario de mantemento. Será o equivalente ó 'Parque de indianos', para deixar máis descontenta a xente? Bo, polo menos neste caso o proxecto é coñecido dende hai tempo.
Respecto dos eloxios, procurando en internet, atopeinos (e, a verdade, non me parecen tanto eloxio senón máis benunha xustificación política): "O deseño da torre non presenta inconvintes desde o punto de vista formal ou arquitectónico para a necesaria protección e conservación da imaxe do conxunto histórico declarado e resulta compatible e coherente cos seus valores culturais", e "A apertura e posta en valor deste itinerario favorece a conservación do conxunto histórico sentando unhas novas bases para a dinamización urbana, social, turística e cultural dunha zona do conxunto histórico que está sendo abandonada e por mor desta situación ve como o seu patrimonio arquitectónico e compoñente social deteriórase".
Hoxe terá lugar unha conferencia de Xoán Ramón Fernańdez Pacios no Museo do Mar de S. Cibrao que tratará de "Os corsarios na costa de Lugo. Séculos XVII-XIX". A promoción destaca que en Ribadeo tamén houbo barcos corsarios. Reseño algunha parte da entrevista: "Un de Ribadeo que tivo máis ben pouca sorte o home é o que se chama López Sampedro, un comerciante de 1798 ribadense que comercia con liño e cáñamo e arma un barco a corso chamado La casualidad. Tiña 50 canóns. Na segunda saída ao mar atrápao a fragata inglesa Endymion e foi vendido. Ao final de todo na charla falarei do apresamento en 1808 dun barco corsario en Ribadeo que mediante enganos o meten no porto e apresan á tripulación sen botar tiro algún." "O ano 1762 tamén é outro pico, porque volvemos a estar en guerra, temos presenza de barcos corsarios vizcaínos en Ribadeo Los dos Amigos, de alcumes El Gran Patricio e El Rayo de Júpiter." "Naqueles séculos hai comerciantes ribadenses que arman barcos a corso. Juan Francisco Cenzano chegou sen nada dende Logroño con 23 anos, se casa cunha viúva rica, se casou ata tres veces, aproveita os cartos das mulleres e monta o barco que se chama Nuestra Señora de la Portería y Ánimas alias La Barquilla, con base en Ribadeo. Atraca un barco holandés preto de Cariño. O que lles pasa aos mariñeiros corsarios é que as mercancías quedan nos almacéns dos armadores, que tardan en vendelas e os bos dos mariñeiros corsarios teñen que mercar comida e roupa e as mercan nos almacéns dos mesmos armadores. Despois de seis meses sen vender, acaban marchándose." " morte de Bautista Durham, corsario que morreu en Ribadeo en 1762".
E, en Ribadeo onte houbo unha charla para a muller, na Casa do mar, quizáis a máis numerosa das relativas ós foros da muller das que ten habido no casco urbano.
Aproveito o mesmo periódico de hoxe para ter algunha cifra das inversións da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar (Ministerio de Medio Ambiente) o próximo ano: O ascensor da Atalaia recibirá 1.059.101 euros, que se sumarán ó 400.000 deste; 874.107 serán, dos 3,2 millones do total previsto, para recuperar a enseada da Vilavella, construir a senda peonil ás Aceas e a rehabilitación dos muíños de marea e de regato; e 21.000 euros para os sondeos arqueolóxicos nas Grobas.
E, como os cogomelos, saíndo da terra para en pouco tempo morrer e deixar pouco rastro, son as previsións con que o Concello de Barreiros se dotou para determinadas aportacións dos construtores para saneamento: desapareceron e non se van reclamar polo momento os avales, co que o previsto desfase futuro que estaba anunciado en Barreiros entre servicios e poboación xa é visible.
Bo (e frío, agora por baixo dos oito graos) venres.

Ningún comentario: