Lévome sorprendido moito de como -e por que- caeu o 'telón de aceiro". De cando en vez atopo algunha pista máis, aínda que siga incrédulo.
Esta fin de semana atopei nun artigo de Santos Juliá unha cita de Marx (Karl), no 'Manifesto do Partido Comunista': "O goberno do estado moderno non é máis que o comité de administración dos negocios comúns a toda a clase burguesa". O caso é que a cita, coido que relativamente válida, na actualidade semella que xa está un tano pasado de moda, xa que o goberno, tendo sido o comité de administración, hoxe máis ben queda reducido a un refén para casos de emerxencia. Aquelo de 'conseguidos os últimos obxectivos, a guerra rematou' ... e queda o exército por se hai que atender a algunha sublevación.
Maruja Torres da pé a unha cita de Ralph Nader: "¿Por que sobrevive o capitalismo? (...) Porque sempre se usa o socialismo para salvalo". Sería moi de aplicación na actual España 'socialista', o mesmo que noutros países que decidiron socializar as perdas sen antes ter socializado as ganancias.
O mesmo periódico que abrangue ambas citas onte comenza hoxe luns a súa edición electrónica con novas ilustrativas sobre o caso, aínda que non sexan de economía: 'A fiscalía cre que a represión franquista é un delito común prescrito'. Coido que a Fiscalía é algo así como o brazo xudicial do goberno. 'Non hai retirada de fondos porque coñecen a nosa solvencia'. Si, despois de 'aceptar' a mesma entidade unha inxección de 10 000 000 000 € do erario público... 'Londres e Berlin presiona a España sobre a lei de costas'. ... Ó tempo que recoñecen facer grupo para defender a propiedade privada dos seus cidadáns en contra dos intereses públicos en España.
Certamente, os periódicos, que van de capa caída nas súas informacións, abranguen nas súas páxinas moitas perlas que están aí, para collelas, pero eso si, despois de facer minería para atopalas.
E, certamente, cambiar o mundo a mellor pode que nunca estivera tan difícil (ou tan imposible), polo que é hora de comezar a (ou non parar de) intentalo. Algo que parece ademáis apoiado científicamente: cando aumentan as desigualdades, toma pulo o movemento subterráneo que tenta reducilas, ó igual que na física ou na química un movemento nun sistema sempre tenta ser equilibrado polo propio sistema. De sistemas (non físicos) pódese falar outro día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario