20081104
Conexións
Sorprendo hoxe na prensa dúas novas referidas ás arterias de comunicación viciñas a Ribadeo. Por unha beira as auto-felicitacións dalgún deputado polo avance futuro do corredor costeiro ó tempo que, pola outra, na Pontenova están que trinan co estado da N640 entre A Pontenova e o Marco de Álvare, realmente desastroso como puiden comprobar o outro día. Por certo que neste caso, políticos de tódolos signos animan a protestar para tentar atallar unha situación que estaba abondo mellor hai uns meses, antes de que unha empresa en teoría se adicara a amañala. Animan a protestar, pero non organizan a protesta: parece que ós políticos de hoxe (alomenos a boa parte deles) hai que darlles as cousas feitas para que eles se saquen a foto, mesmo aínda que sexa ó final, despois de caer da burra.
Onte comezou unha exposición que é de esperar que atraia á xente: fotos antigas de Ribadeo para recuperar a memoria. Pode que sirvan para preguntarnos aquelo de 'un mundo mellor, que é?' que Ingrid Betancourt se preguntou o outro día en Oviedo na recepción dos Príncipe de Asturias.
A foto, de hai uns días, da praza do mercado cara ó sur, Ramón González. Non chovía: onte, 37,2mm, o que eleva a choiva caída no mes a 110mm en só tres días (a lembrar que a media de choiva caída en novembro anda polos 120), co que xa se presenta o mes como prometendo ser de alta pluviosidade, e, despois de tres derrumbes en pouco máis dunha semana, a xente comeza a preguntarse cal será o próximo. Un novo libro coordinado por Díaz-Fierros fala de cousas interesantes en relación co tempo atmosférico, relaciondas co que remato de dicir.
... e, inducidos polos medios, tamén se pregunta se Obama será o novo superpresidente, mentras xa son varios os presidentes europeos que queren participar na xuntanza de 'refundación do capitalismo' coa que se despedirá Bush.
Etiquetas:
Fotos Ribadeo,
política,
sociedade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario