Hai aínda poucos días que falaba da sobreproducción leiteira. Hoxe atopo no El País unha lembranza do tema. Parece unha contradiccion que España sexa afectada polas consecuencias, tendo un déficit ó producir só un 65% do que consume, pero non é contradictorio: política e economía si que ás veces contradín ó mundo real (quizais debera dicir minten sobre o mundo real).
Aparece tamén hoxe un artigo titulado 'A escola fracasa porque está obsoleta', cun manifesto ó que me apunto, dirixindo mellor que á nova de difusión, á propia asociación que promove ditas ideas. Curiosamente, os comentarios/críticas que aparecen tampouco van mal dirixidos, e coido que son compatibles (=que non son auténticas contradiccións), aínda que non o pareza.
Rastrexando en noticias, pódese ver que o paro está aumentando, aínda que en Galicia o faga menos porcentualmente que noutros lugares. Pode interpretarse como un triunfalismo de medidas económicas a nivel local galego (o que se fai dende o sistema político) ou ... como falta de man de obra cualificada, tendo un déficit de base (=previo) que está a servir de colchón amortiguador.
Remato cunha cita:"sempre soubemos que o interese egoísta e irresponsable era malo dende o punto de vista moral; agora sabemos que é malo dende o punto de vista económico". A atribución da cita, a Franklin Delano Rooselvet, presidente dos EEUU que sacou ó país da recesión (e con el, pode dicirse que ó mundo). A lembranza da cita e o razonamento con ela ó autor do artigo, Paul Krugman, premio Nobel de economía este mesmo ano, seguindo unha estela de ideas parella á de Amartya Sen (aínda que con diferencias de criterio). Mágoa: parece que calquera dos tres non fora moi escoitado (ver as actitudes políticas e económicas que polo mundo camparon estes anos e seguen a facelo, mentras rampan as desigualdades e unha política e economía maliciosas e perniciosas)
1 comentario:
Coido que cada quen fala dunha 'educación' diferente. E o sistema educativo preténdese que 'sirva' para esa 'educación', non para 'educar' en termos xenéricos. así, moitas veces dise educación cando se está pensando en aprendizaxe.
Non é a única cousa a considerar, nin moito menos, pero coido que o debate debera comezar por aí.
Publicar un comentario